Mulleres "bravas e loitadoras" ábrense camiño nas Festas de Verán de Pontevedra

Pontevedra
28 de xullo 2020

Música, teatro, narrativa oral ou 'regueifas' serán algunhas das propostas que se inclúen neste ciclo que, segundo Carme Da Silva, busca poñer en valor o "papel imprescindible" da muller na transmisión da cultura galega e na riqueza do seu panorama artístico

Presentación do ciclo "Con voz de muller" PontevedraViva

Doce propostas artísticas diferentes cun denominador común, estar protagonizadas por "mulleres bravas e loitadoras". Así describiu a edil de Festas, Carme da Silva, o ciclo "Con voz de muller", que se suma ás Festas Verán entre os días 30 de xullo e 1 de agosto.

Música, teatro, narrativa oral ou 'regueifas' serán algunhas das propostas que se inclúen neste ciclo que, segundo Da Silva, busca poñer en valor o "papel imprescindible" da muller na transmisión da cultura galega e na riqueza do seu panorama artístico. 

As actuacións repartiranse en tres espazos da cidade: a praza da Curtidoira, as pistas deportivas de Campolongo e a praza da Ferrería.

"Con voz de muller" arrancará o xoves 30 de xullo, ás oito e media da tarde, coa obra de teatro Puedes llorar los viernes, na que a compañía pontevedresa 105 besos repasará a figura de diversos referentes femininos. Será na praza da Curtidoira.

Ás nove, na Ferrería, ofrecerase o espectáculo poético de Aldaolado, no que as poetas Lucía Aldao e María Lado mesturan de maneira transgresora poesía con humor e música; mentres que ás 22.00 horas as pistas de Campolongo acollerán o concerto de Faia, que revisa os cantos tradicionais en clave contemporánea.

A artista galega Najla Shami, con raíces palestinas e arxentinas, abrirá os concertos do venres 31, ás 20.30 horas, na praza da Curtidoira. Impro ao chou será a proposta para A Ferrería, ás nove da noite; e unha hora máis tarde, ás dez, A Banda da Loba actuará nas pistas de Campolongo coa súa fusión de pop, blues, folk, rock e sons tradicionais.

O programa será dobre para o sábado 1 de agosto. Ás doce do mediodía, a poeta Silvia Penas ofrecerá un recital de cantigas de amigo; ás 13.00 horas soarán as 'regueifas' no escenario da Ferrería da man de Lupe e Alba María; e ás 13.30 horas a cantautora MJ Pérez actuará nas pistas deportivas de Campolongo.

Belén Tajes -que inicia carreira en solitario- ofrecerá un concerto ás 20.30 horas na praza da Curtidoira fusionando as súas raíces da Costa da Morte con sons arxentinos e, ás 21.00 horas, as Pandereteiras de Verducido deleitarán ao público coas súas cancións tradicionais revisitadas con ritmos de blues e rock and roll na Ferrería.

O broche de ouro ao ciclo "Con voz de muller" poñerao a compañía teatral Chévere que, a través da súa 'spin- off' As fillas bravas, homenaxearán ás mulleres rurais e á cultura que herdamos delas, ás dez da noite nas pistas de Campolongo.

Arquivado en