Unha mostra na Sala Manuel Moldes revive o sabor artístico da antiga cafetería de Belas Artes

Pontevedra
14 de marzo 2025

Este xoves quedou inaugurada a exposición "Bar-Cafetaría. Grazas pola súa visita", comisariada por Sara Donoso, que estará aberta ao público ata o 30 de maio. A mostra inclúe un cadro de Laxeiro

Mostra 'Bar Cafetería. Grazas pola súa visita'
Mostra 'Bar Cafetería. Grazas pola súa visita' DUVI - Universidade de Vigo

A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes de Belas Artes acolle desde este xoves unha peculiar exposición sobre os límites entre a arte e a vida cotiá.

"Bar-Cafetaría. Grazas pola súa visita" converte o espazo expositivo nun lugar híbrido que rememora a antiga cafetaría da Facultade de Belas Artes como punto de encontro e intercambio social.

"Non é exactamente unha cafetaría, tampouco unha exposición ao uso", explica Sara Donoso, comisaria da mostra e exalumna de Belas Artes, quen comparte formación cos artistas protagonistas: Alberto Ardid, Tayone e o colectivo Rapapawn, integrado por Cynthia Alfonso e Óscar Raña.

O proxecto, que poderá visitarse ata o 30 de maio, reconstrúe simbolicamente a cafetaría que no curso 2022/2023 foi transformada na sala O Abrigo, tras quedar desertas as convocatorias para a adxudicación do servizo.

Nas instalacións, as obras conviven con mesas e cadeiras orixinais do antigo establecemento, e os visitantes poderán tomar café e infusións ou consultar libros e catálogos, converténdose así en usuarios dun espazo que busca recuperar ese espírito de socialización.

Ignacio Pérez-Jofre, coordinador da sala e vicedecano de Cultura, destaca no DUVI  o valor deste "concepto expositivo relacional" que "incide na necesidade de aumentar esa atmosfera de encontro entre estudantado e profesorado" que proporcionaba a antiga cafetaría.

Segundo revela Donoso, o proxecto naceu inicialmente "como unha exposición máis clásica" que reunía creacións de catro egresados cuxos traballos comparten elementos da banda deseñada e o emprego de "obxectos en desuso ou que teñen outras connotacións a nivel social". Foi durante o seu desenvolvemento cando xurdiu a idea de "recrear simbolicamente a cafetaría".

Entre as obras destacan as "fresh paintings" de Alberto Ardid, pezas presentadas nunha vitrina de bar que aluden á "idea da pintura como unha mercadoría, como un produto listo para ser consumido".

Obras de Ardid
Obras de ArdidDUVI - Universidade de Vigo

Pola súa parte, Rapapawn utiliza unha mesa da cociña da cafetaría e televisores antigos para crear unha videoinstalación, ademais de presentar tres cadros que formaron parte dun proxecto previo baseado nun "cómic expandido".

Tayone completa o conxunto con cadros nos que, segundo a comisaria, "observamos unha exploración minimalista de liñas, formas, cores e capas que interactúan nunha poética de solapamentos entre fondo e figura".

A exposición inclúe tamén "Un berro por Belas Artes", un cadro que Laxeiro doou en 1993 ao alumnado en solidariedade coas súas protestas pola situación da sede provisional da facultade, e que durante décadas presidiu a cafetaría.

'Bar Cafetería. Grazas pola súa visita', na sala Manuel Moldes de Belas ArtesDUVI - Universidade de Vigo