Morgan e McEnroe completan xunto con Sés as 'matinés' do Teatro Principal

Pontevedra
21 de febreiro 2019

Por terceiro ano consecutivo a música regresa ao Teatro Principal en horario matinal. Pontevedra volve apostar polas 'matinés' nun dos seus espazos culturais máis emblemáticos e farao cunha tripla oferta de auténtico luxo. Xunto con Sés, cuxo concerto adiantou PontevedraViva a semana pasada, estarán as bandas Morgan e McEnroe

McEnroe Pazo da Cultura / Ricardo Oleaga

Por terceiro ano consecutivo a música regresa ao Teatro Principal en horario matinal. Pontevedra volve apostar polas 'matinés' nun dos seus espazos culturais máis emblemáticos e farao cunha tripla oferta de auténtico luxo. Xunto con Sés, cuxo concerto adiantou PontevedraViva a semana pasada, estarán as bandas Morgan e McEnroe.

María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, será a encargada de abrir este ciclo o sábado 30 de marzo, mentres que a banda de rock Morgan subirá ao escenario do Principal o 27 de abril e os veteranos McEnroe, a piques de cumprir vinte anos de carreira artística, actuarán en Pontevedra o 19 de outubro.

Os tres concertos celebraranse ás 12.30 horas e as entradas, que teñen un prezo entre 14 e 18 euros, xa están á venda en Ataquilla.com e no despacho de billetes da Casa da Luz. Haberá tamén un abono para todo o ciclo que custa 45 euros. Os menores de 14 anos, ademais, terán un desconto do 50% no prezo.

A edil de Cultura, Carme Fouces, explicou que 'As Matinés do Principal' mantén a súa filosofía de achegar a música dos festivais a todos os públicos "independentemente da súa idade" e facilitar que as familias con nenos poidan asistir a concertos "de calidade" aos que, por horario, non poderían asistir normalmente.

Carlos Mantilla, coordinador do ciclo, engadiu que con iniciativas culturais como esta preténdese "buscar novos públicos e crear novas audiencias", xa que destacou que en moitas ocasións estas sesións matinais son a "primeira experiencia" do público máis novo cun concerto de música en directo.

'As Matinés do Principal' seguirán co seu formato habitual e abrirán cunha proposta galega. Neste ámbito, explicou Mantilla, Sés "merecía este protagonismo" ao estrear un disco, Rabia ao silencio, no que ofrecerá unha selección de cancións populares, folclóricas ou de autor, chegadas desde todo o mundo e adaptadas ao galego. 

Morgan, pola súa banda, é segundo os responsables do ciclo una das bandas "con máis tirón" no panorama nacional e cada un dos seus concertos " é unha marabilla". Cunha traxectoria xa consolidada mostrará en directo o mellor dos seus dous discos e, especialmente, os temas do seu traballo máis recente, Air, editado en 2018.

Os encargados de poñer o broche de ouro ao ciclo será a banda vasca McEnroe, unha das referencias do indie español desde hai anos. Tras unha tempada en silencio pola aventura en solitario do seu vocalista, Ricardo Lezón, regresa con novo disco que presentarán "en exclusiva" en Pontevedra, segundo adiantou Carlos Mantilla. 

A oferta de 'As Matinés do Principal' completarase con actividades e sesións vermú que se realizarán en diferentes locais de hostalería do centro histórico, nos que participarán tamén os artistas, logrando que esta proposta "non sexa un estanco" senón que se "expanda" pola cidade.