Morat e Juancho Marqués, novas 'fichaxes' para o festival Costa Feira de Sanxenxo

Sanxenxo
25 de maio 2023

O festival Costa Feira, que se celebrará en Sanxenxo entre os días 23 de xullo e 19 de agosto, segue avanzando na confirmación das bandas e artistas que integrarán a súa oferta musical. Os últimos concertos en anunciarse foron os de Morat e Juancho Marqués

Juancho Marqués e Morat Costa Feira / Universal Music

O festival Costa Feira, que se celebrará en Sanxenxo entre os días 23 de xullo e 19 de agosto, segue avanzando na confirmación das bandas e artistas que integrarán a súa oferta musical. Os últimos concertos en anunciarse foron os de Morat e Juancho Marqués.

Os colombianos Morat, unha das bandas de referencia do pop-folk latino, actuarán en Sanxenxo o domingo 23 de xullo. Farano para presentar o seu cuarto disco, Si ayer fuera hoy, que editaron a finais do pasado ano e co que manteñen o seu selo inconfundible.

As entradas para este concerto, que xa están á venda, teñen un prezo que oscila entre os 35 e os 70 euros -este último corresponde aos pasos VIP-.

 

Juancho Marqués, pola súa banda, será a proposta do festival para o xoves 10 de agosto. No seu caso, chega a Sanxenxo con novo traballo debaixo do brazo, Paraíso 39, un disco composto en plena pandemia no que conecta coas súas raíces e reflexiona sobre os seus cambios vitais.

As entradas para este concerto tamén están xa dispoñibles. Custarán entre os 24 euros e os 70 euros, o prezo que tamén teñen os chamados pases VIP.

 

Estes dous concertos súmanse aos que a organización do festival Costa Feira xa desvelara en semanas anteriores: Fernando Costa + La Plazuela (9 de agosto), Taburete (11 de agosto), Melendi (16 de agosto) e Hens + Xavibo (19 de agosto).