'Miss Docet', primeira aposta da nova edición de Ponteatro que arranca este xoves no Principal

Pontevedra
07 de febreiro 2023

A función da Compañía Eléctrica conta con Iria Pinheiro como protagonista, ademais de coautora do texto, e trata sobre a figura de Emilia Docet, coñecida por ser a "miss España galeguista". A función está prevista ás 21.00 horas do xoves 9 no Teatro Principal de Pontevedra

Emilia Docet Ríos, cando foi elexida como Miss España Deputación de Pontevedra

Chega unha nova edición do ciclo Ponteatro este xoves 9 ao Teatro Principal coa montaxe 'Miss Docet', da Compañía Eléctrica.

Esta obra, protagonizada por Iria Pinheiro ofrece unha visión da figura de Emilia Docet, a muller coñecida por ser a "miss España galeguista". A protagonista foi militante do Partido Galeguista, do que levaba unha insignia no peito cando se converteu en miss España, foi unha das participantes no Mitin das Arengas durante o 24 de xullo de 1934 en Santiago de Compostela.

A proposta escénica recupera desde a escena a potencia dunha xeración de mulleres galegas que sufriron o golpe de estado franquista en 1936. O texto orixinal corresponde a Iria Pinheiro e María Reimóndez, coa dirección de Vanesa Sotelo.

As entradas soltas para este e o resto de espectáculos do ciclo atópanse á venda en Ataquilla.com a un prezo de oito euros máis gastos de xestión. O prezo reducido para estudantes, persoas desempregadas e maiores de 65 anos é de catro euros, máis gastos de xestión. En caso de non esgotarse as entradas en venda anticipada, o despacho de billetes atoparase aberta unha hora antes do inicio do espectáculo.

Tamén se ofrecerá en horario matinal, ás 11.30 horas, un pase concertado con escolares de ESO e Bacharelato.

Desde o Concello alertan tamén de que o espectáculo previsto para o 22 de abril, 'Altsasu' da dramática errante, previsto no Pazo da Cultura, realizarase finalmente no Teatro Principal, do mesmo xeito que o resto das funcións de Ponteatro.

Tamén sinalan que xa se esgotaron os 60 abonos que, ao prezo de 32 euros máis gastos, daban dereito a acudir aos seis espectáculos que forman parte do ciclo ata o mes de abril.