Miguel Sande e Antía Yáñez reciben os premios Johan Carballeira de poesía e xornalismo

Bueu
22 de maio 2022

Miguel Sande na categoría de poesía e Antía Yáñez na de xornalismo, recibiron este domingo os premios Johan Carballeira nun acto celebrado no Centro Social do Mar

Gala de entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo Concello de Bueu

Miguel Sande na categoría de poesía e Antía Yáñez na de xornalismo, recibiron este domingo os premios Johan Carballeira nun acto celebrado no Centro Social do Mar.

A cantautora Sheila Patricia abriu o acto coa súa música e a continuación interveu o concelleiro de cultura Xosé Leal, quen destacou que "o que sementou Johan Carballeira segue medrando e por iso celebramos este premios".

Pola súa banda, Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira, aludiu a que "escribir en galego é case un acto de resistencia" e por iso "é importante a aposta dun concello que segue mantendo a reivindicación pola lingua e a memoria histórica coma un facho aceso".

En canto aos premiados, Miguel Sande recibiu o premio de poesía por 'Brinde e desespero' e explicou que o poemario é un canto ao día a día, aos detalles cotiáns, e destacou que "este certame ten moito prestixio, como demostran a cantidade de traballos que se presentan ano tras ano e a nómina de gañadores e gañadoras destas vinte e cinco edicións".

Antía Yáñez, premiada na categoría de xornalismo por 'A saúde mental en Galicia, en bragas', recalcou que "é unha crónica das cousas que vivira eu mesma ao longo dos anos e que complementei con profesionais e pacientes, co fin de poñer de manifesto a precariedade do Sergas con respecto á saúde mental".

Os premios recibidos están dotados con 1.500 euros en cada categoría ademais dunha cerámica de Carballeira deseñada por Cavalinho do Demo e dun lote de libros.

Finalmente, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, destacou o compromiso do Concello de Bueu coas ideas e coas palabras, "que son hoxe máis importantes ca nunca" e lembrou que a poesía e o xornalismo "foron as canles que lle serviron a Johan Carballeira para loitar a prol das causas xustas".