Miguel Sande con 'Brinde e desespero' vence no XXV Premio Johan Carballeira de Poesía

Bueu
26 de abril 2022

Nesta edición presentáronse 57 pezas. A obra de Sande destaca, segundo o xurado, por unha proposta sobre o cotián desde a perspectiva do inesperado a través dunha expresión formal contida

Reunión do xurado da XXV Edición do Premio Johan Carballeira de Poesía

A 25 edición do Premio Johan Carballeira de Poesía, que convoca o Concello de Bueu, ten no xornalista Miguel Sande, residente en Viveiro, ao seu gañador pola obra 'Brinde e desespero'. O xurado tomaba a decisión este luns 25 de abril despois de ler as 57 obras que se presentaron este ano.

O xurado composto pola gañadora da anterior edición, Xandra Táboas; o xornalista, crítico e editor César Lorenzo; e o crítico literario e profesor Manuel Forcarela, concedeu o premio dotado con 1.500 euros a este traballo ao considerar que o poemario aposta pola prosa poética e presenta unha visión sobre o cotián desde unha perspectiva na que contempla o inesperado. Utiliza unha expresión formal contida e rompe a tensión entre pensamento e sentimento. O poemario vai publicarse tamén en 2023 na colección de poesía da editorial Xerais.

Miguel Sande é xornalista, novelista e poeta. Este poemario gañador continúa a liña estilística e temática que comezou con 'Os filósofos xa non brindan con cicuta', que obtivo o Premio de Poesía Afundación 2019. Entre outros premios obtivo o de Narrativa Breve Repsol e o García Barros. Ademais é autor de textos teatrais e ensaios. Participou en obras colectivas como  'Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra' '150 Cantares para Rosalía de Castro' ou 'Alma de beiramar'.

Este premio convócase como homenaxe ao político, poeta e periodista bueués José Gómez de la Cueva, coñecido como Johan Carballeira, que ademias foi alcalde da vila ata o seu asasinato polos franquistas. Entre as persoas gañadoras deste premio sitúanse Yolanda Castaño, Berta Dávila, Marcos Abalde ou María Reimóndez, entre outros.

O martes 3 de maio coñecerase a proposta gañadora da categoría de xornalismo que se convoca dentro deste certame.