Microteatro e banda deseñada para achegar a Memoria Histórica á mocidade

Pontevedra
06 de novembro 2020

A deputada de Memoria Histórica María Ortega explicou este venres en rolda de prensa que descartaron organizar congresos, seminarios ou debates e escolléronse outros formatos máis "atractivos" para que a xente moza coñeza o acontecido durante a ditadura, a represión franquista e a Transición e as súas consecuencias

A Deputación quere achegar á mocidade a Memoria Histórica Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra quere achegar á mocidade a Memoria Histórica, e para iso convocou un Premio Aberto de Microteatro e editou un libro de banda deseñada sobre a Illa de San Simón. 

A deputada de Memoria Histórica María Ortega explicou este venres en rolda de prensa que descartaron organizar congresos, seminarios ou debates e escolléronse outros formatos máis "atractivos" para que a xente moza coñeza o acontecido durante a ditadura, a represión franquista e a Transición e as súas consecuencias.

Ortega explicou que o Premio de Microteatro e apublicación realizaranse en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) e coa Escola de Banda Deseñada ‘O Garaxe Hermético’ durante este ano, mais coa vocación de continuar durante todo o mandato. A vicedirectora e a responsable de normalización lingüística da ESAD, Cristina Domínguez e Irene Moreira, e o director do ‘Garaxe Hermético’ Kiko da Silva participaron nesta rolda de prensa.

O Premio Aberto de Microteatro terá un formato de teatro breve, cun único recoñecemento dotado de 500 euros. O prazo de presentación dos guións de microteatro abrirase a vindeira semana, unha vez se publiquen as bases tanto na páxina web da ESAD como da Deputación, habendo un mes para entregar as propostas.

A liberdade temática é total, mais existen tres premisas para tratar a memoria histórica: "abordala dende unha perspectiva de país, de clase e de xénero". 

ILLA DE SAN SIMON

O debuxante Kiko da Silva explicou que o libro sobre San Simón estará realizado por autores que dan os primeiros pasos a nivel profesional (Miriam Iglesias, Mara Méndez García, Zaida Novoa, Eli García, Lorena Nikoli, Olalla González, Ana Pumares, Fonso Barreiro, Miguel Rojo, Pablo Prado, Iago Fernández, Damián Gómez e Antonio Recuna). 

En canto á temática, Da Silva destacou que San Simón é un lugar a reivindicar como galegos para conseguir que haxa unha sensibilización distinta á de hoxendía.