Mes de maio adicado en Sanxenxo á cultura galega con teatro, música, baile e poesía

Sanxenxo
05 de maio 2022

Soalleira, Os Gatiños, Lembranzas, Retesías, Airiños da Lanzada, Os Cruceiros e Abiñadoira realizarán un flashmob no entorno da igrexa de San Xenxo

III Concurso de Música Tradicional Soalleira Concello de Sanxenxo

A Concellería de Cultura en colaboración coas asociacións culturais e grupos folclóricos do municipio adican este mes de maio á cultura galega nas súas distintas expresións artísticas: Teatro, baile, música e literatura. Un ano máis o programa “Sanxenxo Fala” recolle as actividades organizadas con motivo das Letras Galegas. 

Os obxectivos son promover e fomentar actividades en prol da lingua e cultura galega entre a poboación moza, dar a coñecer a figura e obra de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado no día das Letras Galegas 2022, promocionar e dar a coñecer producción artísticas galegas e dinamizar o tecido asociativo e a participación social.

Tras a celebración do Festival dos Maios o pasado domingo na Praza Pascual Veiga e o concurso de coplas e festa infantil no CCD Sanxenxo, este domingo o Auditorio de Emilia Pardo Bazán acolle, en sesión de mañá e tarde, o IV Concurso de Música Tradicional Soalleira con exhibicións de 11 a 14 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Participarán 38 grupos de 21 asociacións procedentes, por primeira vez, das catro provincias galegas. Repartiranse 3.500 euros en premios.

O 10, 11, 12 e 13 de maio haberá sesións de teatro nos centros de ensino municipais. 'A compañía Caxoto. A trastenda dos contos' leva a obra “O garoto do Ipanema (Mensaxe nunha botella)”. Esta actividade ten como obxectivo dar a coñecer a figura do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas entre o alumnado de infantil e primaria dos centros educativos. Esta obra que mestura música e cantigas, recolle a métafora da botella para darlle forma a esta función de contos onde coñeceremos a vida e obra do poeta. Para iso xogarase e farase música coas botellas que marcaron a vida do autor. 

O 15 de maio, o Pazo O Revel é o lugar elixido para o festival das Letras Galegas “+ Que Cantigas”, a partir das 20 horas con entrada de balde. Actuarán +Que Cantigas, Maravallada, Pepe Buxán e Retesías. 

O Día das Letras Galegas, 17 de maio, ás 12 horas, a Praza Pascual Veiga acollerá un acto homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán e a entrega de premios do concurso Picariños CCD Sanxenxo. Ás 20 horas, terá lugar o Festival das Letras Galegas de Portonovo no CEIP Portonovo no que participarán a Coral Polifónica Santa María de Adina e Os Gatiños de Portonovo.

No entorno da igrexa de San Xenxo, o domingo 22 de maio, terá lugar a partir das 12:30 horas un flashmob, ChisPÚM!, coa participación de Soalleira, Os Gatiños, Lembranzas, Retesías, Airiños da Lanzada, Os Cruceiros e Abiñadoira. A actuación colectiva será grabada e publicada nas redes sociais municipais. Trátase de dar a coñecer a nosa lingua dun xeito divertido, dinamizar o tecido asociacitivo e poñer en valor o traballo das asociacións culturais e grupos folclóricos municipais.

A programación remata cun concerto de Manoele de Felisa no que se homenaxeará aos poetas galegos en xeral e con mención especial a Florencio Delgado Gurriarán. Musicalízaranse poemas dos grandes da literatura galega de tódolos tempos: Rosalía, Pondal, Manuel de María.... Unha actividade organizada dende a Biblioteca de Sanxenxo que terá lugar as 20:30 horas no Auditorio.

 

Arquivado en