'Matria', 'O monstro e a nena' ou 'A arte de ser mal pai' quedan finalistas para os XXII Premios Mestre Mateo

Pontevedra
08 de febreiro 2024

A película de Matriuska Producciones, a curta de animación de Jorge Costas e a web serie de Porco Bravú, son proxectos vinculados a profesionais pontevedreses do sector audiovisual

Proxectos audiovisuais con nomes pontevedreses e opcións aos Mestre Mateo PontevedraViva

Os nomes pontevedreses vinculados ao sector audiovisual poden inchar peito. A Academia Galega do Audiovisual xa deu a coñecer os finalistas para esta XXII edición dos Premios Mestre Mateo e nese elenco, a representación de profesionais de Pontevedra é ampla.

Matriuska Producciones de Daniel Froiz consegue estar na recta final destes galardóns coa película 'Matria' en varias categorías: mellor longametraxe, mellor dirección, mellor dirección de fotografía, mellor dirección de produción, mellor guión, mellor interpretación feminina de repartición, mellor interpretación feminina protagonista, mellor interpretación masculina de repartición, mellor maquillaxe e salón de peiteado, mellor montaxe e mellor son.

Posiciónase así entre os tres proxectos con máis opcións a premios xunto a 'O Corno' de Jaione Camborda e a serie 'Rapa'.

Outro dos nomes pontevedreses que se fixo oco entre os finalistas é o produtor e director de animación Jorge Costas, que opta á mellor curtametraxe de animación con 'O monstro e a nena'.

A alegría por chegar a estar entre os finalista é obvia, como explica, "este ano había máis curtas que en edicións anteriores". De todos os xeitos móstrase moi prudente respecto á curta gañadora porque estima que o nivel dos tres restantes candidatos "é potente" e pase o que pase "gozarei da gala final".

'O monstro e a nena' está a ter boa acollida nos festivais polos que está a participar, dentro e fóra de España como Portugal, Italia ou Colombia. Aquí fíxose cun premio no Cortifestival de Alacante e fíxose cunha mención especial na Coruña. Compite para conseguir o galardón co vigués Jorge Morais e 'In half', 'Illa Cordura' e 'To bird or not to bird'.

Na categoría de serie web, 'A arte de ser mal pai' de Porco Bravú tamén está seleccionada. A web serie ten entre os seus guionistas ao pontevedrés Óscar Cruz e na repartición de actores están outros paisanos como o actor José Manuel Esperante e María Costas.

Tamén a empresa pontevedresa de publicidade Recados Carmen opta a mellor anuncio con 'Chama a miña neta'.

Más nomes coñecidos e nomeados na final dos Mestre Mateo son os do pontevedrés Nani Matos, director de 'Antes de que se poña o sol', que opta ao premio á mellor curtametraxe; ou o cambadés Juan Galiñanes, que opta á mellor dirección con 'Fatum' e o catoirés Manuel Riveiro que opta á mellor música orixinal por 'Salta'.