Maruxa Mallo, referencia artística da próxima obra de Domingos do Principal con Caramuxo Teatro

Pontevedra
02 de novembro 2022

O espectáculo 'Ela' preséntase como unha montaxe onde se combinan humor, danza e poesía entre múltiples cores propias do universo creativo da pintora de Viveiro. O espectáculo está dirixido a público familiar e menores a partir dos 4 anos. As entradas xa están a venda para as dúas funcións, ás 12.00 e ás 18.30 horas do domingo 6 no Teatro Principal

Recreación de Maruxa Mallo en 'Ela', de Caramuxo Teatro Caramuxo Teatro

Caramuxo Teatro presentará o vindeiro domingo 6 de novembro o espectáculo titulado 'Ela' dentro do ciclo Domingos do Principal. Trátase dunha montaxe na que se recolle un mundo fantástico cheo de colorido e co protagonismo da pintora galega Maruxa Mallo.

Ao longo dos 40 minutos de obra, o público familiar con menores a partir de catro anos terá a oportunidade de observar a poesía, a danza e o humor que se propón nesta montaxe que homenaxea a unha das máis importantes mulleres representantes da vangardas artísticas internacionais no seu momento.

Maruxa Mallo era unha creadora surrealista con gran visión teatral e en 'Ela' recóllense esas características da súa produción plástica para mostralas ao público coa idea de que teña máis coñecemento da pintora á que se dedicou o Día das Artes Galegas en 2017.

A obra representarase en dobre función, ás 12.00 e ás 18.30 horas, no Teatro Principal. As entradas atópanse en venda anticipada a través de Ataquilla.

Caramuxo Teatro é unha compañía coruñesa dedicada ao teatro infantil desde o ano 2003, formada por Laura Sarasola e Juan Rodríguez. Esta agrupación foi a primeira en elaborar un espectáculo destinado para bebés en Galicia e distínguese por producir obras teatrais con combinen elementos didácticos, artísticos e de lecer para toda a familia.