María Novas, autora de 'Arquitectura y Género', sobre o patriarcado no deseño: "temos un problema que urxe abordar"

Bueu
29 de decembro 2022

A arquitecta bueuesa presenta este mércores no Centro Social do Mar un ensaio que invita a reflexionar sobre a arquitectura desde o punto de vista dunha disciplina patriarcal que é orixe de desigualdades efectivas. Considera que o deseño perpetúa sistemas de dominación e considera que a perspectiva de xénero nos estudos de arquitectura deben abordarse como unha cuestión de xustiza social

Exemplares do libro 'Arquitectura y género', de María Novas María Novas

María Novas Ferradás é unha arquitecta, natural de Bueu, e doutoranda en Historia e Teoría da Arquitectura na Universidade de Sevilla, docente e investigadora convidada no Grupo de Investigación Historia da Arquitectura e Urbanismo da Universidade Técnica de Delft e profesora no curso de investigación e pensamento crítico do Máster en Arquitectura da Academia de Artes de Tilburg nos Países Baixos. É arquitecta pola Universidade da Coruña, máster en Investigación Aplicada en Estudos Feministas (UJI) e máster en Rexeneración Urbana e Rehabilitación (USC). Con este currículo extraordinario publicou recentemente o ensaio 'Arquitectura y género: una introducción posible', editado por Melusina. Este mércores ás 20.00 horas, a autora presenta este traballo na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, en Bueu. 

'Arquitectura y género' naceu como Traballo Fin de Máster e a autora explica a PontevedraViva que procesos realizou para que a súa obra chegara ao público.

María Novas:  Ao final dos nosos estudos, a miña compañeira Sofía Paleo e máis eu comezamos un blog chamado Dexenerocontrución en 2012 no que falábamos sobre este tipo de temas, dos que dalgunha maneira nos sentíamos orfas durante a carreira. Agora, dende a miña posición actual, entendo que facíamos investigación independente. A medida que profundabamos no tema decidín cursar un Máster en Investigación Aplicada en Estudos Feministas a distancia na UJI, ao tempo que traballaba, en 2014.

Intentei aproveitar a oportunidade de ter que realizar un Traballo Fin de Máster para continuar esta especialización. Este traballo chegou un día ás mans do meu editor (Melusina) que me contactou para ofrecerme publicalo como libro no verán de 2019. Aceptei sen ser de todo consciente do inmenso traballo de revisión que tería por diante nos seguintes dous anos.

- Neste traballo manifesta a presenza do patriarcado na arquitectura e no deseño dos espazos, a que se debe esa situación? É unha cuestión social, cultural, política?

M.N.: O sistema de valores que se xesta e reproduce nas sociedades patriarcais imprégnao todo. As nosas formas de vida, o xeito de relacionarnos e os nosos modos de habitar. Define o que é importante nun contexto cultural, o que se valora, o que se paga. E tamén o que non o é, o que se desvalora, o que se invisibiliza e fica nas marxes. A arquitectura é unha disciplina técnica, pero tamén social e cultural, e por ende, política. É un produto do sistema cultural no que se xesta. O cuestionamento de como funciona esa xerarquía de valores que inflúe nos procesos de toma de decisión á hora de deseñar calquera proxecto é clave. Un exemplo simple témolo no deseño de vivendas. Se nos fixamos en como se establecen as xerarquías e como se desdeñan algúns espazos como secundarios.

Normalmente, os cuartos pensados para o descanso (salón, dormitorio "principal", etc) son os que se priorizan en termos de dimensións, orientación ou calidades materiais, en lugar aos dedicados ao traballo que ten lugar na vivenda. Isto é absurdo se pensamos que na vivenda é onde principalmente segue tendo lugar algo tan básico como a alimentación humana, a crianza ou o traballo relacionado coa vestimenta.

- De que maneira ten presenza o machismo no ámbito profesional da arquitectura? E non se observan cambios nos últimos anos co protagonismo que está acadando o movemento feminista?

M.N.: A historia ensínanos que os cambios culturais son moi lentos, a veces incluso xeracionais. En relación ao traballo que fixen en 2014, si que as cousas cambiaron moito nos últimos anos e afortunadamente puiden contar con moitas máis referencias para o traballo de revisión. Hai cada vez máis publicacións e ferramentas, en parte grazas a que o feminismo está chegando, non sen dificultades, á parte alta da xerarquía disciplinar que se expresa a través de institucións e na Academia. As editoriais tamén están apostando por este tipo de temas. Penso que no Estado español estamos sendo pioneiras a nivel europeo nesta reflexión, pero probablemente porque a situación de partida era (e segue a ser) máis desfavorable. O empuxe do movemento feminista, sobre todo dende 2017, foi clave neste sentido, tendo especial incidencia no mundo da arquitectura.

- Como pode axudar o seu libro a cambiar a situación? Cara onde debe avanzar esta profesión para ofrecer unha visión máis feminista?

M.N.: Gustaríame que este libro poida contribuír ao recoñecemento explícito de que temos un problema que urxe abordar. Que se recoñecese dunha vez por todas, que o elefante está aí, na habitación, e que ignoralo non servirá para construír unha disciplina máis xusta. Temos que mirar cara adentro, aprender da historia social e política da nosa disciplina, da que non somos conscientes, e comprender de onde vimos, o que somos, para comezar a imaxinar cara onde queremos ir.

- Seguirá investigando nesta liña de estudo sobre o xénero na arquitectura?

M.N.: Dende logo. Agora estou tentando rematar a tese doutoral en arquitectura sobre o traballo de moitas mulleres neerlandesas en arquitectura nos anos cincuenta nos Países Baixos, tamén as primeiras tituladas en arquitectura. Neste país tamén traballo como docente na Universidade Tecnolóxica de Delft, e cada vez atópome máis inmersa na realidade diferenciada que aquí aconteceu sobre todo despois da Segunda Guerra Mundial. Nos anos cincuenta xa había organizacións de mulleres que asesoraban o deseño de vivenda social aportando o seu coñecemento experto no traballo do fogar. Os estándares de calidade do deseño de vivendas nutriuse desde o inicio deste coñecemento experto. Pero gustaríame continuar explorando estes temas aquí en Galicia, hai tanto por facer...!

 

E seguirá explorando porque María Novas continúa coa súa maxistral carreira profesional. Foi convidada como relatora e profesora en Arxentina (UBA, UNT), Brasil (UFBA) e Reino Unido (The University of Sheffield). Ademais, actualmente exerce como co-investigadora principal do proxecto Cherchez la femme!, apoiado pola Collección Nacional de Arquitectura e Urbanismo Neerlandesa (HNI Collection) e premiado polo programa de fondos creativos neerlandeses para arquitectura Stimulering Creative Funds.