O Cineclube ten prevista a proxección de seis películas durante o mes de novembro. Todas se ofrecerán no Teatro Principal de Pontevedra ás 20.30 horas.
A primeira cita cinematográfica chegará o martes 8 de novembro con 'Un monde' (Un pequeno mundo), ópera prima de Laura Wandel. Trátase dunha película belga do 2021 que narra a historia de Nora, unha alumna de primaria que descobre o acoso que sofre o seu irmán maior, e enfróntase a un conflito de lealdade.
'City Lights' (Luces da cidade), escrita, dirixida e protagonizada por Charles Chaplin, ofrecerase o luns 14 nunha sesión ofrecida en colaboración coa Filmoteca de Galicia. Esta obra mestra do cinema filmouse en 1931 e ofrece escenas memorables nas que se combina o humor coa tristeza nunha historia entre o vagabundo Charlot e unha pobre florista cega.
Ao día seguinte, o martes 15, o Teatro Principal acollerá 'Espíritu Sagrado', película española de 2021 dirixida por Chema García Ibarra. Película que recibiu o Premio Especial do Xurado no Festival Mar do Prata 2021. A trama céntrase en José Manuel e outros membros da asociación Ovni-Levante.
O martes 22 será a oportunidade para que o público vexa a película coreana 'Dangsin-eolgul-apeseo' (Diante de ti), de Hong Sangsoo. Un traballo que obtivo o Premio Especial do Xurado no Festival de Xixón e foi proxectada na sección oficial de Cannes. Neste filme cóntase a historia de Sangok, unha actriz que leva anos sen exercer a súa profesión, durante o seu regreso a Seúl despois de vivir en Estados Unidos.
O luns 28 chegará 'Orphée' (Orfeo), outro dos magníficos traballos do director francés Jean Cocteau. Rodada en 1950 mostra a vida de Orfeo, un poeta obsesionado cunha enigmática princesa. Nela pódese ver a interpretación de Jean Marais e a actriz galega María Casares, que neste 2022 cumpriría cen anos.
Por último, o martes 29, o CineClube programa 'Outside noise', película alemá de Ted Fent, rodada en 16 milímetros. Trátase dun filme sobre a amizade no que se mostra a incerteza de Daniela, a protagonista que regresa de Nova York para visitar á súa amiga Mia en Berlín.