Culturgal 2018 abre as portas na súa segunda xornada de feira con máis de sesenta actividades en programa máis as organizadas polos propios expositores dentro do recinto.
Unha xornada, a do sábado, que se clausura co concerto de Carlos Núñez no Auditorio do Pazo da Cultura ás 21:30 horas dentro da súa xira "A irmandade dos celtas" e para o que xa quedan apenas entradas á venda en ticketea no que será un cheo esta noite.
Pero a xornada dá moito de si, con moita atención para o público familiar e infantil cunha programación que arranca ás 11 horas con Ciencia á Feira do CSIC Galicia e Divulgacción e que inclúe diferentes obradoiros para cativada, cinema, o concerto do certame infantil Quero Cantar e espectáculos durante todo o dìa no Espazo Infantil Deleite e na Carpa.
Será tamén unha grande xornada para o público que quere atoparse cos seus escritores favoritos, con presentacións e sinaturas de libros de Ledicia Costas, Yolanda Castaño, Pedro Feijoo, Manolo Rivas cunha lectura de "Vivir sen permiso e outras historias de Oeste" ou Luis García Montero, poeta e actual director do Instituto Cervantes, que vén presentar a súa antoloxía en galego "O dono do derradeiro minuto", traducida por Isaac Xubín e publicada por Tulipa Editora.
Tamén o que fora alcalde de Pontevedra, José Rivas Fontán, pasará a asinar o seu libro de memorias co xornalista Adrián Rodríguez no stand de Alvarellos Editora ás doce do mediodía.
No Espazo Foro haberá moita variedade de propostas como a presentación da Familia Vázquez TV, unha familia xordomuda e artista, ou a presentación do libro "Dúbidas reais de adolescentes sobre sexo" de Catro Ventos Editora.
O Espazo Arte Contemporánea acolle ademais a exposición de fondos de artistas mulleres na colección da Deputación da Coruña e a vista do fotógrafo Vari Caramés co seu libro "Lugares".