Máis dun centenar de músicos xúntanse en Caldas para ofrecer un concerto de música tradicional

Umia
24 de setembro 2024

Seis agrupacións interpretarán un variado repertorio do folclore galego este sábado 28 na Praza das Palmeiras a partir das 18.30 horas

Actuación de Tequexetéldere, agrupación que estará este sábado en Caldas Tequexetéldere

Caldas de Reis acollerá este sábado 28 un concerto de música tradicional que reunirá a máis de 100 músicos na Praza das Palmeiras.

O evento, que comezará ás 18:30 horas, contará coa participación de seis agrupacións de música tradicional que interpretarán un variado repertorio do folclore galego.

O alumnado da Escola de Instrumentos Tradicionais Suso Vaamonde de Caldas de Reis será o protagonista principal deste concerto, que servirá como mostra do traballo realizado durante todo o ano.

Xunto a eles, actuarán tamén a Escola Municipal de Música e Baile Tradicional de Outes, a Aula Permanente de Música Tradicional do Campus de Pontevedra, a Asociación Cultural A Foliada, o grupo folclórico Hai que Roelo e Tequexetéldere. Todas as formacións estarán dirixidas por Suso Vaamonde.

O repertorio incluirá pezas moi coñecidas do folclore galego, desde pasodobles e vals ata muiñeiras.

Os espectadores poderán gozar dunha ampla variedade de instrumentos tradicionais, como gaitas, percusión, acordeóns, zanfonas e pandeiretas, entre outros.

Segundo explicou Manuel Fariña, Tenente de Alcalde e responsable da área de Cultura, esta será a edición con maior participación de músicos ata o momento, consolidando así a Caldas de Reis como un referente na promoción e difusión da música tradicional galega.

Fariña destacou o interese e a implicación da veciñanza de Caldas na música, non só a través da Escola de Instrumentos Tradicionais, senón tamén na Escola Municipal de Música e na Banda de Música de Caldas.

Engadiu que o Concello está a traballar para promover actividades diversas que permitan a formación e dinamización dos músicos, así como o goce da música por parte de toda a poboación.