Máis de 4.300 persoas visitaron a exposición 'Meu Pontevedra' de Castelao no seu primeiro mes

Pontevedra
01 de agosto 2016

O interese que está a espertar a mostra 'Meu Pontevedra' se ve reflectido no número de visitas que leva recibido desde o día da súa apertura, o pasado 28 de xuño. No seu primeiro mes de exposición máis de 4.300 persoas pasaron polo Sexto Edificio do Museo de Pontevedra

Persoas vendo a exposición "Meu Pontevedra" sobre Castelao no Sexto Edificio del Museo Mónica Patxot - Arquivo

O interese que está a espertar a mostra 'Meu Pontevedra' se ve reflectido no número de visitas que leva recibido desde o día da súa apertura, o pasado 28 de xuño. No seu primeiro mes de exposición máis de 4.300 persoas pasaron polo Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

A mostra, ademais de contar co aliciente de expoñer os orixinais do Álbum Nós despois de case 90 anos desaparecidos, fai un exhaustivo percorrido pola obra e a traxectoria política e intelectual de Alfonso Daniel R. Castelao entre os anos 1916 e 1936.

Son vinte anos de estadía na cidade de Pontevedra ilustrados a través de máis de 400 obras que conforman unha exposición emblemática sobre o legado do autor rianxeiro. 

Entre outros fitos, recolle os anos do ingreso de Castelao nas Irmandades da Fala, da creación da revista Nós, das súas viaxes de estudos en 1921 por Francia, Bélxica e Alemaña, e en 1919 pola Bretaña, da participación no Seminario de Estudos Galegos, do ingreso na Real Academia Galega, e na creación da Sociedad Coral Polifónica e do propio Museo de Pontevedra.

AMPLIACIÓN DAS VISITAS GUIADAS

O Museo de Pontevedra amplía a partires deste martes día 2 de agosto a súa oferta de visitas guiadas á exposición, que permanecerá aberta ao público ata o 11 de setembro.

É unha exposición que ata o de agora podía visitarse baixo a modalidade de visita guiada só dous días e que a partires de mañá incorporará tres días máis. En horario de tarde poderá verse os mércores, venres e sábados ás 18:00 horas; e en horario de mañá, os martes e xoves ás 12:00 horas. 

Esta ampliación responde a unha demanda do público para ter máis opcións para poder acceder a este modo de coñecer a obra de Castelao e o contexto histórico que determinou a súa traxectoria, tanto artística como vital.