Con motivo do centenario da morte da autora galega Emilia Pardo Bazán no 2021, a produtora de espectáculos Secuencia 3 achega ao escenario de Afundación a primeira adaptación teatral de Los pazos de Ulloa, a novela máis coñecida da escritora.
O dramaturgo madrileño Eduardo Galán é o encargado de adaptar esta obra, acompañado pola dirección de Helena Pimenta, á cabeza da Compañía Nacional de Teatro Clásico desde hai oito anos. Galán afirma que procurou mostrar o mundo sórdido e máxico da Galicia rural e profunda no ambiente falso da cidade coa mesma paixón ca a autora.
A representación, dunha hora e media de duración, terá lugar no Auditorio de Afundación o 7 de abril ás 20:30 horas, coa proposta de ser un alegato contra a violencia mediante a historia dun enfrontamento entre o desexo do mundo caciquil e a cortesía da cidade do século XIX.
Pere Ponce, Marcial Álvarez, Ariana Martínez, Francesc Galcerán, Esther Isla e David Huertas son os nomes recoñecidos a nivel nacional que coroan o reparto desta versión teatral na busca de rememorar a ensaísta coruñesa.