Lores experimenta cos novos instrumentos dixitais do Local de Música

Pontevedra
17 de setembro 2024

O alcalde de Pontevedra visitaba con Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, o Local de Música situado en Otero Pedrayo para comprobar a habilitación dunha sala como espazo de concertos para cincuenta persoas e a incorporación de novos instrumentos dixitais para a realización de música electrónica. Polo Local de Música pasan cada semana máis de corenta grupos e novos artistas

Miguel Anxo Fernández Lores proba instrumentos de música dixital PontevedraViva

O sábado 21 de setembro inaugurarase a sala habilitada como lugar de concertos no Local de Música.

Despois dunha adaptación para mellorar a acústica deste espazo, a empresa Xeneme, concesionaria da xestión destas instalacións situadas na rúa Otero Pedrayo xunto ao Albergue de Peregrinos, quere probar coa estrea da sala cun concerto dun proxecto educativo que levan en marcha, onde terán cabida arredor de cincuenta espectadores.

Este martes, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, visitaron o Local de Música para ver estas melloras e tamén para probar os novos instrumentos dixitais que se incorporan para a formación e o desenvolvemento musical dos mozos que realizan música electrónica.

Entre outros elementos, as instalacións contan cunha nova mesa de DJing que, segundo Diego Parajó, responsable da empresa Xeneme, servirá para seguir realizando cursos neste estilo musical polo que se interesan moitas mulleres.

Tamén se incorpora un sintetizador analóxico de calidade, "un elemento técnico ao que normalmente a xente nova non pode acceder", explicaba Parajó ao alcalde, que tivo a oportunidade de probar a mesa de ritmos.

Polo Local de Música pasan máis de corenta grupos á semana, o que supón arredor de 250 persoas cada semana, que realizan ensaios, gravacións e probas de cara a concertos, chegando a coincidir ata tres bandas ao mesmo tempo.

Desde este verán tamén se incorporou o recinto ao aire libre que se atopa fronte á entrada deste espazo para a realización de concertos.

Agora, esta instalación municipal comeza un novo curso con novidades na ampliación da oferta formativa, deseñada para proporcionar ás persoas usuarias novas ferramentas artísticas.

O calendario de actividades para os próximos meses inclúe formación en produción musical; cápsulas formativas sobre cuestións legais, instrumentos e outros temas relacionados coa carreira musical; cursos de iniciación ao DJing; laboratorios de música electrónica; e ensaios xerais abertos.

O Local de Música leva quince anos en funcionamento como referente dinamizador e Xeneme conta con outros cinco anos de concesión para manter este servizo activo.