'As liñas descontinuas', a historia dun "encontro inesperado" entre dúas xeracións "cunha crise parecida"

Marín
30 de outubro 2024
Actualizado: 31 de outubro

Tras catro semanas de gravación en Vigo e Marín, "As liñas descontinuas" está nos seus últimos días de rodaxe. Está protagonizada pola actriz Mara Sánchez e polo debutante Adam Prieto

Rodaxe en Marín da película "As liñas descontinuas", de Anxos Fazáns EFE / Salvador Sas

O encontro inesperado entre unha produtora musical en plena crise vital e un mozo que se coa na súa casa tras unha noite de festa é o punto de partida de As liñas descontinuas, a segunda película da directora galega Anxos Fazáns.

Unha historia real que, segundo relata a realizadora nunha entrevista con PontevedraViva, "vin hai tempo nun xornal e quedoume na cabeza", aínda que optou por reinventala e, no canto de acabar cunha chamada á policía, "imaxineime outro desenlace".

"Parecíame interesante que esas dúas persoas se permitisen coñecerse e entenderse", explica Fazáns, que sinala que, mentres que o seu primeiro filme A estación violenta (2017) xiraba ao redor dun reencontro, neste caso "quería mostrar as conexións que poden xurdir cando de súpeto coñeces a alguén e, inesperadamente, conectas".

Tras catro semanas de gravación en Vigo e Marín, As liñas descontinuas está nos seus últimos días de rodaxe. Está protagonizada por Mara Sánchez, unha actriz cunha sólida carreira en Galicia, tanto en televisión (Libro de familia, Fariña) como no teatro.

Ela encarna a Bea, unha muller de 50 anos que se está separando do seu marido. O día no que ten que abandonar o fogar no que viviu os últimos vinte anos chega á súa casa e atópase todo patas para arriba e a un dos ladróns durmido na súa cama.

Ese mozo é Denís, ao que interpreta o debutante Adam Prieto, un mozo de 28 anos que, a pesar de estudar unha carreira, loita coa precariedade laboral e a falta de oportunidades. Despois de pasar tres días xuntos, cada un deberá continuar o seu camiño.

Dous personaxes que, subliña Anxos Fazáns, "cunha diferenza de idade moi grande e que pertencen a universos diferentes" e que, a pesar diso, "teñen moitas cousas en común e atravesan unha crise parecida" cando se coñecen de maneira casual.

"Pasei varios anos escribindo estes personaxes, imaxinándoos e construíndoos un pouco no aire", sostén a realizadora pontevedresa, para quen atopar os intérpretes axeitados para plasmar esta historia permitiulle "terminar de construílos".

Quería que a súa Bea fora unha muller duns 50 anos "a idade menos representada no cine". Para ela foi importante dar con Mara Sánchez, porque "tiña todo o sentido que fora unha muller con experiencia e nun momento vital semellante á protagonista".

Para atopar ao actor que dese vida a Denís "estiven a buscar un ano", lembra a cineasta galega, porque "tiña claro que quería a unha persoa que tivese a frescura da súa primeira película, da súa primeira vez, e construír o personaxe desde aí".

Anxos Fazáns, na rodaxe da película "As liñas descontinuas"EFE / Salvador Sas

Na película, que aborda diversas temáticas sociais, contemporáneas e urbanas que conectan con varias xeracións, destaca ademais o universo sonoro que achegan bandas galegas de influencia nacional como Triángulo de amor bizarro, The Rapants, Pálida e Russ.

Anxos Fazáns celebra que esta película chegue nun momento "marabilloso" para as películas rodadas en galego, tras o éxito de filmes como O corno, Matria ou As bestas, e que están a ter un gran percorrido "moi importante" en salas e nos mercados internacionais, o que fixo que se "abran portas" que antes era difíciles de traspasar.

As liñas descontinuas, que ten previsto estrearse no primeiro semestre de 2025, é unha produción de Sétima e Sideral que conta co apoio Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais, a Axencia Galega das Industrias Culturais e a CRTVG.