Lembranzas da mili e do servizo social feminino en Lérez

Pontevedra
02 de agosto 2024

A Asociación Cedofeita de Lérez inauguraba este venres na Casa da Cultura de Lérez, baixo o título 'Marcando o paso, imaxes da mili e do servizo social feminino'. Permanecerá aberta ata o 6 de agosto

Inauguración da exposición 'Marcando o paso, imaxes da mili e do servizo social feminino' Cristina Saiz

A Asociación Cedofeita inaugurou este venres, 2 de agosto, na Casa da Cultura de Lérez, a súa tradicional exposición anual.

Nesta ocasión, baixo o título 'Marcando o paso, imaxes da mili e do servizo social feminino' ofrecen unha rica mestura de textos, documentos e case duascentas imaxes que estarán dispoñibles para o público ata o día 6.

A exposición ten como obxectivo lembrar o servizo militar, abolido en 2001, e o servizo social feminino, que existiu entre 1937 e 1978 como parte do réxime franquista.

Estas obrigas deixaron tras de si unha importante pegada na memoria colectiva, reflectida en fotografías e documentos que agora se expoñen ao público.

A través destas imaxes, os visitantes poderán observar escenas da vida cotiá durante o servizo militar e social: desde tarefas domésticas como lavar a louza ou pelar patacas, ata actividades militares como practicar tiro ou realizar manobras.

A inauguración contou coa presenza da alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, acompañada da edil da parroquia María Abilleira, quen expresaron o seu apoio a esta iniciativa cultural.

Entre as fotografías destacadas da exposición, atópanse tres imaxes de José Argibay, un veciño da Piolla, quen serviu na Lexión e participou nunha campaña en El Aaiún.

As instantáneas capturan momentos impactantes, como un neno facendo que dispara un fusil, o rescate dun can da auga e unha escena cun dromedario.

Tamén se poderán ver fotografías de veciños coñecidos de Lérez, como Edelmiro Loureiro, un histórico ferreiro local, quen aparece nunha divertida imaxe con dous compañeiros, cunha pandeireta e un balón de fútbol personalizado. Da mesma familia, tamén figuran imaxes de Juan Antonio Loureiro e Bernardo Tomé "Tito".

A exposición permanecerá aberta ao público desde o 2 ata o 6 de agosto, con horarios de visita de 11:00 a 14:00 e de 19:00 a 22:00 horas, na Casa da Cultura de Lérez.