Leire Martínez pasa páxina de La Oreja de Van Gogh cun concerto no Bigsound de Pontevedra

Pontevedra
20 de febreiro 2025
Actualizado: 13:31

A cantante de San Sebastián súmase ao cartel do festival, que se estreará en Galicia este 2025 cunha cita no parque de Tafisa os días 11 e 12 de xullo. Será unha das súas primeiras actuacións

Leire Martínez, durante o concerto de La Oreja de Van Gogh no SonRías Baixas
Leire Martínez, durante o concerto de La Oreja de Van Gogh no SonRías Baixas SonRías Baixas

Tras case dúas décadas na banda La Oreja de Van Gogh, Leire Martínez encara a súa carreira en solitario e Pontevedra será un dos primeiros escenarios nos que se poderá gozar deste novo rumbo na súa carreira.

Será no Festival Bigsound, que recala en Galicia por primeira vez e celebrarase no parque de Tafisa os días 11 e 12 de xullo de 2025.

Leire Martínez estreará o seu directo lonxe da banda donostiarra este 2025 e esta cita pontevedresa será unha das primeiras da súa xira.

O festival difundiu este xoves esta nova incorporación ao seu cartel, que xa reúne a figuras destacadas da música nacional e internacional como Rels B, Nicky Jam, Tanxugueiras, Juan Magán, Amaia, Omar Montes ou Abraham Mateo.

O Bigsound Festival tamén contará con La Zowi, icona do trap español; Julieta, unha das promesas emerxentes do pop urbano; ou con Caly y el Dandee, Depol, Marc Seguí, María Escarmento ou a rapera Ptazeta.

Organizado por BS Entertainment e PlayPlan, en colaboración co Concello de Pontevedra, encara en Pontevedra unha edición orientada cara á música urbana.

Ten as entradas á venda a través da súa páxina web: bigsoundfestival.com.