Lecturas compartidas con escolas de todo o mundo para festexar o Día do Libro Infantil e Xuvenil

Pontevedra
02 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O Concello de Pontevedra organizou unha lectura compartida con alumnado das Escolas Unesco de Europa, África e América para festexar o Día do Libro Infantil e Xuvenil

Unha lectura compartida con escolas de todo o mundo para festexar o Día do Libro Infantil e Xuvenil Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra organizou unha lectura compartida con alumnado das Escolas Unesco de Europa, África e América para festexar o Día do Libro Infantil e Xuvenil. 

A iniciativa contou co concelleiro de Educación Demetrio Gómez, a pontevedresa Luisa Márquez, presidenta da Rede de Escolas asociadas á UNESCO e a escritora convidada Eva Mejuto.

Foi un evento en liña no que participou o alumnado dun total de 12 escolas de Galicia, Angola, Cataluña, Cuba, Madrid, Mérida, Aguilar de Campoo, República Checa e República Dominicana.

"A lagoa das nenas mudas" de Fina Casalderrey foi a obra seleccionada polo concelleiro Demetrio Gómez, Eva Mejuto escolleu a súa obra "Cando leo’, a rapazada do CEIP Frobel seleccionou anacos de "Draco" de Susana Peix (unha das convidadas catalás desta edición do Salón) e "Cidades" de Fran Alonso e o alumnado do Eduardo Pondal de Cangas homenaxeou a Agustín Fernández Paz lendo "O meu nome é Skywalker"

O acto contou con acompañamento musical do CMUS Manuel Quiroga da man da profesora de acordeón Noelia González López e a estrea da cantiga de berce "A noitiña" de José Pérez.

Un total de 56 escolas Unesco de todo o mundo mandaron videos nos que recomendaban lecturas importantes, inspiradoras, libros que marcaron a súa vida e que lles fixeron mudar a súa visión do mundo. Na canle de Youtube do Salón do Libro xa están disponibles as achegas de escolas de España, Mexico, Rusia, República Checa, Mexico, Cuba, Montenegro, República Dominicana e Angola. 

Esta colaboración da Rede de Escolas Asociadas á Unesco co Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil vense celebrando cada ano ininterrumpidamente desde o 2019.