Desvelouse o secreto. A banda madrileña La La Love You, un dos maiores fenómenos da música indie nos últimos anos, é o concerto "sorpresa" que se anunciaba dentro da programación das Festas da Peregrina de Pontevedra.
Actuarán no escenario principal das festas, na Praza de España, o luns 12 de agosto a partir das dez e media da noite.
Desde os seus inicios en 2007, La La Love You, que colleron o seu nome dunha canción dos Pixies, móvense entre cancións de punk-pop de retrousos irresistibles, frescos, directos e optimistas. Chegaron de forma masiva ao público con El fin del mundo.
Blockbuster, o seu último traballo, é o seu cuarto disco en solitario, unha colección de hits punk-pop cargada de referencias cinematográficas, entre eles El principio de algo, Quiero quedarme para siempre ou La canción del verano.
Neste novo disco, que presentarán en directo no seu concerto de Pontevedra, colaboran coa banda artistas como dani, Carlos Sadness, Delaporte ou Nena Daconte.
A súa actuación en Pontevedra non puido ser desvelada ata o de agora debido aos seus compromisos contractuais co festival Sorrías Baixas, onde actuaron na súa primeira xornada, celebrada onte á noite en Bueu.