La Gran Pegatina, Vendetta, Chotokoeu e Gold & Colt completan o cartel do SonRías Baixas

Bueu
06 de abril 2016

Xa se coñecen todos os nomes das bandas e dos artistas que formarán parte do cartel do SonRías Baixas, festival que regresará a Bueu a primeira fin de semana de agosto

A banda de ska Vendetta SonRías Baixas / Daniel Claudin

Xa se coñecen todos os nomes das bandas e dos artistas que formarán parte do cartel do SonRías Baixas, festival que regresará a Bueu a primeira fin de semana de agosto.

As últimas bandas en incorporarse ao cartel foron La Gran Pegatina, cun espectáculo a modo de big band no que sete artistas de luxo completan un dos directos máis divertidos do mundo, que durará só cinco meses e que terá no SonRías Baixas a súa parada en Galicia; ou Vendetta, os grandes protagonistas da escena ska de España que elixiron Bueu para presentar un directo fresco e renovado.

Xunto a eles actuarán tamén os Chotokoeu, seguramente a formación galega con máis percorrido internacional nos últimos anos, world music e ritmos eclécticos en estado puro; e Gold & Colt, verdadeiro referente do country americano en Galicia.

Estas catro bandas completan un cartel no que xa foran anunciados os protagonistas indiscutibles da madurez e da evoución da música rock latinoamericana, os uruguaios La Vela Puerca; tres bandas de referencia no panorama rockeiro español: Soziedad Alkoholika, un grupo de culto para os amantes do metal e do hardcore español, Lendakaris Muertos, máximos expoñentes do punk español máis gamberro e absurdo, e os madrileños Boikot, que volven a Bueu despois de arrasar no 2013 coa súa enerxía e diversión revolucionaria.

Tamén repiten os Heredeiros da Crus, outra das bandas máis queridas do público do SonRías Baixas, nun dos poucos concertos de gran formato que ofrecerán este verán, despois de facer sold out en toda a súa xira de salas.

Completan o cartel a banda do Morrazo The Skarnivals, un novo disco e cunha madurez que se plasmará nun directo renovado; a revolución musical de La Sra. Tomasa, que conecta a música tradicional coa electrónica nunha sesión futurista, chea de aire fresco e de ritmos trepidantes; e os Poetarras, un colectivo "arterrorístico" especialista en crear cancións pegadizas e irreverentes que os teñen convertido nos máximos expoñentes da nova retranca galega.

En total, doce bandas de distintos estilos e procedencias que teñen unha cousa en común: un directo enerxético e festivo que, xunto cos momentos de praia, lecer e gastronomía que caracterizan o festival do Morrazo, converterá a cita nunha experiencia única e irrepetible.

As entradas están á venda na web, nas tendas de Rei Zentolo e outros puntos de venda físicos a un prezo reducido de 29,50 euros máis gastos o abono dos dous días, coa acampada incluída. O prezo na billeteira será de 35 euros.