Kepa Junquera rodéase de músicos galegos para presentar en Pontevedra "Galiza", o seu novo disco

Pontevedra
14 de novembro 2013

Cunha formación 50% galega 50% vasca, Kepa Junkera chega ao Pazo da Cultura de Pontevedra o vindeiro sábado 30 de novembro para presentar o seu disco Galiza. No marco de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, o mestre da trikitixa pon en marcha ao vivo un disco que, quizáis, é o máis ambicioso da súa traxectoria. Será a primeira vez que o artista vasco actúe en directo con este novo traballo

Kepa Junquera durante a gravación do seu novo disco, "Galiza" Fol Música

Cunha formación 50% galega 50% vasca, Kepa Junkera chega ao Pazo da Cultura de Pontevedra o vindeiro sábado 30 de novembro para presentar o seu disco Galiza. No marco de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, o mestre da trikitixa pon en marcha ao vivo un disco que, quizáis, é o máis ambicioso da súa traxectoria. Será a primeira vez que o artista vasco actúe en directo con este novo traballo.

Sobre o escenario en Pontevedra estarán algúns dos colaboradores galegos deste disco: Budiño, Leilía, Uxía, Treixadura, Daniel Do Pando e Davide Salvado. O disco conta con máis convidados como Cristina Pato, Susana Seivane ou Luar na Lubre.

En Galizaa trikitixa, o tradicional acordeón diatónico vasco, fúndese coas gaitas, as voces, os pandeiros e os acordeóns para crear un universo de música tradicional. Se ben o eixo musical Galicia-Euskadi tivo outros achegamentos ao longo dos anos, non conseguira a representación deste dobre álbum de Kepa Junkera.

O disco, que está editado polo selo galego Fol Música (parte de Boa Records) e que sae á venda o martes 19 de novembro, conta cunha presentación excepcional: un libro de 23x23 centímetros, de tapa dura e con cincuenta páxinas de ilustracións, fotografías e textos.

A formación de Kepa Junkera neste concerto de estrea no Culturgal está integrada por músicos galegos e vascos: Xabier Diaz (voces e percusións), Pedro Lamas (gaitas, saxos, percusións), Cristina Pico (voces e percusións tradicionais), Carolina Vázquez (voces e percusións tradicionais), Cristina González Laya (voces e percusións tradicionais), Jose Luis Canal (teclado), Argibel Euba (txalaparta e percusións) e Iñigo Olazábal (txalaparta, alboka e percusións).

Kepa Junkera é un dos músicos máis internacionais e prestixiosos no campo do folclore e da world music, polo tratamento da trikitixa e pola súa fusión con outros ritmos e culturas. En 2004 gañou o Grammy Latino ao mellor album folk polo seu disco ao vivo K.

As entradas para o concerto, que terá lugar o sábado 30 ás 21.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, xa están á venda en www.servinova.com ao prezo de quince euros máis gastos de xestión.