Pan de millo é un libro-disco dirixido a público familiar feito por Migallas Teatro e Kalandraka editora no que participaron tamén Magoia Bodega e Paulo Bodega, do grupo Treixadura, e o debuxante Dani Padrón.
Pan de millo reúne 14 cancións infantís e versións de temas tradicionais que Migallas interpreta nos seus espectáculos e actividades de expresión dramática. Os arranxos e adaptacións están feitos por Magoia Bodega e Paulo Nogueira, músicos e educadores, membros do grupo Treixadura e moi vencellados a proxectos de divulgación da música galega tradicional. Canda eles, intérpretes do prestixio de Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío, entre outros artistas.
ÿ o segundo proxecto musical de María Campos e Carlos Yus (Migallas) despois de Canta connosco!, considerado un "revulsivo" no eido da música galega infantil. Co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor, este traballo está pensado para seguir practicando o xogo e a diversión, recuperar a memoria dos avós, e contribuír á transmisión da lingua.
A partir das cancións, Dani Padrón crea unhas ilustracións que destacan pola frescura, o colorido e a ledicia que transmiten os personaxes.
A presentación deste libro disco tamén foi singular. No muiño de Portobello en Verducido, un grupo de rapaces e xornalistas asistiron ao nacemento desta fermosa obra.