O festival Atlantic Fest desvelou este venres o nome dunha das bandas que será reclamo principal para a edición que prepara un ano máis na Illa de Arousa, do 20 ao 22 de xullo.
Trátase de Kaiser Chiefs, formación británica (Leeds) que conquistou a escena independente británica e estadounidense desde o lanzamento do seu primeiro disco, 'Employment', co que alcanzaron un enorme éxito, vendendo tres millóns de copias e dando xa o salto aos grandes escenarios internacionais.
Publicaron seis álbums de estudo, o último, 'Stay Together', a finais de 2016, conseguiu colgar o cartel de non hai billetes na maioría de datas da súa xira.
Temas como 'Oh My God', 'I Predict a Riot', 'Ruby' ou 'Everyday I Love You Less and Less' son imprescindibles nas súas actuacións, onde Ricky Wilson contaxia a todo o público coa súa desbordante enerxía, que lle valeu para gañar, entre outros, tres premios Brit Awards e dous NME Awards.
Ademais a organización do Atlantic Fest confirmou a La Casa Azul no seu cartel, o proxecto musical de Guille Milkyway e que se atopa a piques de publicar novo album, titulado 'La Gran Esfera', tras o éxito cultivado en anteriores discos e con temas como 'La revolución sexual', 'Superguay' ou 'Yo También', entre outros, que lle valeu para gañar un premio Goya á mellor canción.
Tanto Kaise Chiefs como La Casa Azul subirán ao escenario da Illa de Arousa o sábado 21 de xullo, sumándose a un cartel no que xa figuraba outra gran banda internacional como The Vaccines.