Javier Macipe, director de 'La estrella azul': "O cine é a arte que está máis contaminada pola industria"

Pontevedra
17 de decembro 2024

A programación de actividades previas aos Feroz 2025 trouxo a Pontevedra ao director Javier Macipe, responsable dunha das películas máis aclamadas do ano: 'La estrella azul'

Javier Macipe, director de 'La estrella azul', en Pontevedra Mónica Patxot

Para Javier Macipe (Zaragoza, 1987), que catrocentas persoas acudan a ver a súa película, La estrella azul un luns "é un subidón". E máis cando xa se estreou hai máis dun ano. Iso é o que pasou en Pontevedra, onde chegou da man dos Premios Feroz.

A súa, unha 'road movie' sobre Mauricio Aznar, un rockeiro aragonés que percorreu Latinoamérica buscando reencontrarse, foi, sen dúbida, unha das películas do ano. Abrazada por público e crítica, tamén é protagonista na tempada de premios.

Nos Feroz, optará a catro galardoes, entre eles os de mellor película dramática e mellor actor protagonista (Pepe Lorente). Para Macipe, que tamén opta ao de mellor guion, "a miña vida xa é indisociable do que é La estrella azul". Foron máis de dez anos traballando nela.

Levas un ano de promoción con La estrella azul. Como foi toda esta etapa?

Alargouse isto moitísimo pero, por sorte, foi porque a película está a ter unha vida moi longa. Este ano fixen 30.000 quilómetros, díxomo Google o outro día. Estiven 300 días fóra da miña casa. Estou un pouco canso pero estou moi contento e satisfeito. Vendo xa un pouco o final. Despois dos Goya xa poderei descansar.

Cando alguén estrea unha película espera que lle vaia o mellor posible, pero esperabas chegar até aquí? Con tan boa acollida de público, crítica e premios?

Eu son moi optimista e entre as miñas mellores expectativas si que estaba esta situación. Pensa que un director ten que convencer a moita xente. Para iso tes que entusiasmar e ser positivo porque se non sería imposible atopar produtor ou xente que a financie.

Sempre mantiven que era unha película que ía chegar ao público e estamos satisfeitos de conseguilo. Aínda faltan pasos. Máis que os premios, que iso sería bo, a película está en proceso de venda a outros territorios. Nas miñas expectativas está que se dea iso tamén.

La estrella azul fala do músico aragonés Mauricio Aznar, pero realmente é unha historia universal. A dun artista que emprende un camiño de autodescubrimento, un percorrido vital na que moitos se poden sentir identificados, non?

Si, mesmo sería unha película que, aínda que non existise a persoa na que se basea, podería interesar igual. Foi un dos puntos contra os que tiven que loitar, o prexuízo de que fora ser unha historia que só interesaba en Aragón.

Esforceime moito porque o punto de vista artístico a universalizara e tamén porque todo o mundo se dera conta de que o obxectivo non era facer un biopic dun personaxe pouco coñecido senón contar a historia universal que hai contida nel.

Javier Macipe, director de 'A estrela azul', en PontevedraMónica Patxot

Como chegou a ti este proxecto?

Hai 18 anos contactei coa nai de Mauricio para pedirlle permiso para pór unha canción súa nunha das miñas primeiras curtas. E a idea partiu dela. Díxome que tivera unha conversación con Carlos Saura sobre a posibilidade de facer unha película sobre isto pero, polo que sexa, non se entenderon ben. Pensou que estaría ben que o fixese eu.

Eu aínda estaba a estudar cine. Non me vía capaz, pero xa iniciamos unha relación. Escribiámonos ás veces, pero non houbo un traballo intenso nisto. Quixen formarme e facer outros proxectos. Hai dez anos foi cando xa lle dixen de empezar. Aí foi a primeira vez que viaxei a Arxentina para coñecer ese mundo. Foron dez anos de dedicación total a La estrella azul.

Difícil dicir que non a un encargo como este, imaxínome…

Exactamente. Esa é a sensación que tiven. Cando me dixo iso chamei a un amigo para contarllo e díxenlle que non podía dicirlle que non. É unha muller que pasou por algo moi duro na súa vida, tiña unha historia moi tráxica. Era unha responsabilidade, E máis dicíndoche que non lle convence do todo a posibilidade de Saura e que o faga eu. Como vas a dicir que non?

Para os que a figura de Mauricio Aznar resúltanos un pouco afastada, que destacarías del?

É un exemplo para min dun artista que busca a pureza do que é realmente a arte e non o que rodea a arte. El non foi máis famoso porque cando puido selo elixiu non selo. Tivo un contrato encima da mesa cunha gran discográfica e deuse conta que iso non lle interesaba.

Decidiu ir a buscar outros camiños cos que ser máis fiel á súa propia vocación de artista. Para min como cineasta que aspiro a ser artista, el é un referente sempre. Máis no cine, que a arte que eu creo que está máis contaminada pola industria.

Chama a atención que no seu periplo por Arxentina, en busca desa reinvención e deses novos sons, ao final o que marcou a súa estancia foi o silencio.

A película ten dúas facetas. A da viaxe como artista e a da viaxe humana coa que se pode identificar calquera. E como dis é unha viaxe cara ao silencio ou unha viaxe cara a un lugar onde as cousas máis importantes son as espirituais e non os materiais.

Creo que aquí en España, e en Europa en xeral, parece que o índice de benestar está relacionado case sempre con asuntos materiais. Logo vas a lugares pobres de Arxentina e atopas que a xente vive, non sei se máis feliz, pero máis contenta a maior parte do tempo.

Javier Macipe, director de 'A estrela azul', en PontevedraMónica Patxot

Puideches traballar con liberdade ao levar á gran pantalla a historia dunha persoa real e, ademais, facelo a petición da súa familia?

Déronme moita liberdade. Pero si que é verdade que eu tíñaos moi presentes. Non só a eles, a todos os amigos de Mauricio. Sentes unha responsabilidade extra porque entrevistei a moitas persoas para coñecer a historia. Desde ese momento, sentes dalgunha maneira que lles debes algo e que, como mínimo, tes que ser respectuoso coa verdade.

Imaxino que a todos os cineastas cada unha das súas películas déixanlles unha marca no seu interior, pero non sei se neste caso, ao ser un proxecto tan persoal, aínda máis.

Levo a metade da miña vida co proxecto na cabeza e case un terzo dedicándome totalmente a el. Eu diría que a miña vida xa é indisociable do que é La estrella azul. Incluso os técnicos son íntimos amigos. Tamén me pasa cos actores.

Se agora vou a Arxentina durmo en casa de Cuti Carabajal, que é o protagonista. Iso non pasa noutras películas. Todo ese universo é xa indisociable. Os amigos de Mauricio xa son os meus amigos e toco nunha banda que facemos música de Mauricio. Ou sexa, xa non hai límites.

E iso que, a pesar de ser unha película que che deu moitas satisfaccións, foi moi dura de rodar…

Pasounos algo que era imposible de imaxinar. Ao terceiro día de rodaxe chegou a pandemia. A iso sumouse unha crise terrible en Arxentina que fixo que perdéramos case todo o diñeiro que se conseguiu alí. E logo que era unha película de seu xa moi difícil para ser unha primeira película con moitas escenas de concertos, con música en directo, con centos de personaxes e con miles de extras. Tivo todo o que máis difícil que pode ter unha película.

E que viste en Pepe Lorente para que fora o teu Mauricio Aznar?

É un gran actor, o primeiro. Tiña moi boas calidades para a música, aínda que practicamente non tocaba. Cantaba moi ben, tiña moi bo oído. Vin que aprendería e que se podería converter nun músico de verdade. Non parecelo, senón selo.

E logo houbo unha proba un pouco espiritual no casting. Basicamente díxenlle que pechase os ollos, que se concentrase, que respirase e que falase só si sentía que o que tiña que falar era Mauricio. A maneira na que falou é o que me acabou de convencer. Houbo algo que me impresionou moito a min e aos amigos de Mauricio aos que lles ensinei o que dixera.

Javier Macipe, director de 'A estrela azul', en PontevedraMónica Patxot

Fuxir dos clichés dos biopics musicais dirías que foi unha das túas obsesións?

Era importante que non fora alguén que parecese un músico ou que parecese Mauricio senón que fora alguén ao que viras en pantalla e tiveras a sensación de que é Mauricio. Hai moita xente que, como non saben quen era, ven a película e cren que fai de si mesmo.

E Pepe non se parece en nada a como era Mauricio. Eu creo que conseguimos que a película non estea tan preto da representación teatral, senón do documental. É certo que el canta tentando parecerse a Mauricio, pero tamén coa súa propia identidade.

Mauricio foi a Arxentina buscando ese novo camiño, pero á volta pasoulle como a moitos outros artistas, que a recepción do seu público ante ese cambio quizá non foi a esperada. Por que cres que lle pasou iso?

A xente ás veces xulga sen tentar comprender. Como Mauricio tivera problemas coas drogas, hai quen pensaba que era unha especie de tolemia que lle deu a alguén que non está moi no seu san xuízo, non sei como dicilo. E realmente estaba mellor que nunca.

O que pasa é que ninguén se preocupou de interesarse por saber que era iso que atopara, por que o atopou, que nos estaba a tentar transmitir. Moitas veces, as persoas non escoitamos nada e sacamos conclusións moi rápido.

Tras un ano de promoción de La estrella azul estás a pensar xa en novos proxectos ou es dos que prefiren pechar unha etapa antes de abrir a seguinte?

Teño un par de ideas, pero non as puiden desenvolver porque agora mesmo estou que non paro. Espero que agora, a partir dos Goya, sexa cando me sente, me encerre, apague o teléfono e durante uns meses me dedique a escribir.

Antes diso viñeches a Pontevedra no marco das actividades previas dos Feroz 2025, que supón para vós saír dos circuítos habituais de promoción e achegarvos tanto ao público?

É marabilloso. Primeiro, porque non todas as cidades teñen cine ou non todas as cidades onde hai cine as películas aguantan o suficiente para que o boca a boca funcione. Esta é unha segunda oportunidade para que a película chegue ao público.

E, ademais, funcionando tan ben. Meter 400 persoas nun cine un luns é algo que eu creo que só pasou na semana da estrea e en Zaragoza. Así que é un subidón. Gústame moito ese contacto co público e que a xente poida preguntar cousas da película.