Itineranta celebra o seu décimo aniversario cos dez mellores espectáculos da súa historia

Pontevedra
30 de xullo 2019

As actuacións comezan este mércores con tres números e terminarán o venres con catro representacións. Os organizadores deseñan para este ano un novo roteiro que parte desde Benito Corbal e conclúe na praza do Teucro

Presentación da décima edición de Itineranta diante do Concello PontevedraViva

As rúas de Pontevedra volverán converterse nun escenario de teatro a partir de mañá. O ciclo de teatro de rúa Itineranta celebra este ano a súa décima edición cunha recompilación dos mellores números que pasaron pola cidade na última década. Ademais, o peche do programa inclúe como novidade unha actuación con percusión e pirotecnia na praza da Ferrería.

Unha das novidades desta edición, que foi presentada onte no Concello pola conselleira de Festas, Carme da Silva, e o integrante de Troula Animación, Serxio Rodríguez; é a inclusión dun novo roteiro que partirá desde o tramo peonil de Benito Corbal, pasará pola Peregrina e Curros Enríquez para terminar na Praza do Teucro. Outro cambio con respecto ao ano anterior é que se adianta unha semana por razóns de axenda.

"Haberá música, acrobacias, zancurdos, monicreques e, este ano, moito lucerío", dixo da Silva sobre un festival que "que cada ano atrae a máis público". Sobre a composición do cartel, Rodríguez confesou que resultou moi difícil seleccionar ás dez mellores compañías, posto que os espectáculos que pasaron por Pontevedra durante os últimos anos foron "de moita calidade".

Os roteiros comezan este mércores con tres números. O primeiro parte ás 20 horas da Praza de España, o segundo, ás 21 horas desde a Praza do Teucro; e o terceiro unha hora máis tarde desde a Praza de España. Ao día seguinte haberá catro actuacións distanciadas por intervalos de 45 minutos. A primeira e a terceira parten ás 19.45 e ás 21.15 horas desde Benito Corbal, a segunda e a cuarta ás 20.30 e 22.15 desde a Praza de España.

A xornada do venres inclúe outras catro roteiros con saídas desde Praza de España (19.45 horas), Teucro (20.45 horas), Benito Corbal (21.45 horas) e Méndez Núñez (22.45 horas). Esta última actuación, tituladaSymfeuny, é a única estrea debido a que os anteriores números xa foran representados en edicións anteriores. A obra da compañía bilbaína Deabru Beltzak fará un percorrido de vinte minutos facendo unha parada na Praza da Leña para terminar na Ferrería, na que se instalará un escenario onde terá lugar un número de pirotecnia e percusión.

Explican desde a organización que as primeiras actuacións de cada xornada están especialmente pensadas para un público infantil, aínda que todos os números de Itineranta resultarán moi atractivos para "persoas desde cero a cen anos", puntualiza Serxio Rodríguez.