Alicia Úbeda, Ángela Andrada, ámbalas coruñesas, Jordi Sanz e Pablo Vilas son os nomes das persoas seleccionadas para participar desde este luns ata o vindeiro sábado nunha titoría que se desenvolve na Illa de Ons.
A encargada de traballar con estes catro directores cinematográficos é Isabel Peña, guionista premiada autora de libretos como o de 'As Bestas' ou 'El Reino' cos que obtivo dous Goya. Ademais, tamén traballo en 'Stockholm', 'Que Dios nos perdone' ou a serie 'Antidisturbios', todas elas dirixidas por Rodrigo Sorogoyen.
Os proxectos sobre os que se traballa durante estes días foron seleccionados entre 120 aspirantes para formar parte da Residencia FICBUEU do festival de curtametraxes.
Cando finalice esta Residencia, na que se busca mellorar a calidade e viabilidade das ideas presentadas, un dos catro proxectos de guion optará a ser producido por Nortecatro Cinema.
Ademais de Isabel Peña, nesta Residencia colaboran a doutora, guionista e antropóloga Carmen Ávalos, para tratar o guion desde o punto de vista do xénero; Pablo Lamosa, director de Corvo mariño VFX, que se centrará nos recursos visuais; e a profesora e investigadora Elena Neira, que tratará cos participantes as novas vías para distribuír o cinema.