Un problema de saúde dun dos seus integrantes, impedirá o ensemble Das Kolorit dar o concerto de apertura da tempada musical da Sociedade Filarmónica de Pontevedra, tal e como estaba previsto.
Ante esta situación a xunta directiva da Filarmónica pechou como substituto o ensemble de música antiga Infermi d'amore, para un concerto que terá lugar o vindeiro xoves 19 de setembro (20.30 horas) no Teatro Principal.
Composta por dous violíns barrocos, violoncelo barroco e clave, Infermi d'amore ofrecerá un programa de música con obras de Vivaldi, Corelli e Veracini.
Trátase dunha formación fundada polo violinista Vadym Makarenko no 2019 a partir do entusiasmo e a paixón pola música antiga "creando un espazo de encontro de talentosos intérpretes de diversas culturas e traxectorias musicais", destaca a Sociedade Filarmónica.
Desde a súa fundación os seus concertos chegaron a importantes salas do territoio nacional así como a festivais europeos como o Auditorio de Madrid, o Espacio Turina en Sevilla, o Auditorio de Xirona, Schleswig-Holstein Musik Festival, FIAS (Festival Internacional de Arte Sacra), ou o VZLET Chamber Season de Praga, entre outros.