Este xoves inaugurábase a mostra de Novos Valores no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra coa presenza de Rafa Domínguez, novo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, e co director do Museo, José Manuel Rey.
Nesta exposición preséntanse as vinte obras finalistas da edición deste 2023. Entre elas seleccionáronse as catro pezas gañadoras das bolsas por un montante de 7.500 euros para ampliar estudos.
As pezas gañadoras pertencen a Sandra Barreiro Parquiña, Antía Iglesias Fernández, Andrés Sanjurjo García e Lucía Perdiz Dávila.
Rafa Domínguez durante a súa intervención destacou que Novos Valores significa innovación e renovación. Relacionou esa idea cos próximos tempos para o Museo de Pontevedra e para a Deputación, que se marca como obxectivo: "innovar, renovar e avanzar", explicou o vicepresidente provincial. Considera que a mostra representa á perfección a riqueza creativa das novas fornadas de artistas" e tamén desexou ás persoas gañadoras que este recoñecemento sexa unha panca para impulsar as súas carreiras
José Manuel Rey, pola súa banda, destacou que o certame axuda a romper a barreira mental que afasta de maneira artificial unha institución histórica e respectada da "efervescencia" e os ámbitos de interese da xente máis nova.
Ademais das catro pezas premiadas, tamén se poden ver obras de Juncal Alma, Raquel Álvarez, Lidia Amado Rodríguez, Manuel Alejandro Balsas Navarro, Carolina Bouza, Andrea Domínguez, Iago Fontoira, Susana Gómez García, Uxía González Fernández, Nerea Gundín, Andrea León, Ignacio Noreña Ricoy, Mariña P. Vilar, Marta Regojo Díaz-Obregón, Cristina Rus e Carmen Suárez Marcos.
A exposición permanecerá aberta ata o 24 de setembro.