Con Nacidas libres, a nova montaxe teatral da compañía Contraproducións, regresou o ciclo Ponteatro. Centos de persoas encheron o patio de butacas do Teatro Principal para gozar cun espectáculo cunha marcada perspectiva de xénero.
A partir dunha noticia real, a liberación en Santiago de tres monxas retidas nun convento contra a súa vontade, Cándido Pazó creou un texto protagonizado por catro actrices que atravesan esas idades nas que corren o risco de desaparecer do mundo do espectáculo.
Fartas de non recibir ofertas de traballo, deciden autoempregarse e montar unha peza. O guion encoméndanllo a unha nova escritora que vive emigrada e que repara nesa noticia.
A partir dela, van preparando un espectáculo no que, con rigor e obxectividade, pero con frescura, dinamismo, emoción e pinceladas de humor, ofrecen múltiples reflexións e referencias a diversos temas como a desigualdade, a ilusión da liberdade, os condicionantes da muller nas distintas culturas ou a emigración.
A obra, interpretada por Rocío González, Casilda Alfaro, Mónica Camaño e Susana Dans, adiantouse a este mércores, xa que a data inicial coincidía co 8- M, Día Internacional da Muller, no que o elenco da compañía secunda a folga feminista.
Ponteatro poñerá en escena unha última obra. Será Casa O'Rei, de Ibuprofeno Teatro, o xoves 3 de maio.