Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas nos centros educativos, o CEIP Do Carballal de Marín levou a cabo un videoclip moi orixinal facendo unha homenaxe a escritora Xela Arias Castaño, figura na edición deste ano na conmemoración da lingua galega.
O traballo foi realizado polo alumnado de cuarto e sexto curso de Educación primaria empregando música orixinal baseada nun poema de 'Darío a diario' e cunha dramatización inspirada no libro 'Non te amola', co asesoramento da madriña do centro, a académica e escritora pontevedresa Fina Casalderrey.
O vídeo foi presentado nas Xornadas virtuais das Letras Galegas organizadas pola Consellería de Educación. Ademais, a través da páxina 'O recuncho de Tambo', calquera persoa interesada pode aprender a coreografía dos retrousos ou descargar a letra para cantar o tema.
Este venres 14 de maio, o centro escolar festexará o Día das Letras Galegas cantando e bailando ao vivo, coa participación de toda a comunidade educativa, o tema 'Canto sei!' e presentarán a biografía básica de Xela Arias a través dunha pequena dramatización.