Historias e música achegan sorrisos no Día Mundial da Narración Oral

Pontevedra
21 de marzo 2023

Este luns 20 de marzo celebrábase o Día Mundial da Narración Oral, que en Pontevedra contou con actividades de contacontos nos centros hospitalarios da área sanitaria, unha actuación no convento de Santa Clara, ademais dun espectáculo de rúa coa intervención de Pavís Pavós, Polo Correo do Vento e Bea Campos, acompañados pola Street Band de Jazz de Pontevedra

Actuación de Polo Correo do Vento Mónica Patxot

A xornada deste luns encheuse de palabras con motivo da celebración do Día Mundial da Narración Oral.

En Pontevedra desenvolvéronse sesións de contacontos por parte de diversos artistas en centros hospitalarios da área sanitaria coa intervención de Bea Campos, Raquel Queizás e Carmen Domecq, Soledad Felloza, Quico Cadaval e Olga Abad.

Ademais destas sesións de narración oral nos hospitais de Montecelo, Provincial e do Salnés, tamén se celebrou unha actividade polo centro de Pontevedra na que se combinaron as historias coa música interpretada pola Street Band de Jazz.

Desta forma ao longo dun percorrido desde a praza de España ata a Peregrina, numeroso público infantil e adulto seguíu á comitiva para asistir a unha divertida sesión de contos con Pavís Pavós, Bea Campos e Polo Correo do Vento.

A xornada concluía ás 20.30 horas con Celso Fernández Sanmartín ofrecendo o seu espectáculo en Santa Clara.

Con estas actividades reivindícase a importancia da narración de viva voz como arte escénica de pequeno formato, creativa e con gran capacidade de adaptación a espazos diferentes.