A escritora Helena Villar Janeiro e o ilustrador Kiko da Silva serán recoñecidos na vixésimo primeira edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil pola súa traxectoria creativa.
Este venres, a concelleira Carmen Fouces presentaba os dous autores explicando que, nesta ocasión, a organización quixo destacar o labor tanto das persoas que escriben como das que ilustran os libros para facelos aínda máis atractivos para o público novo.
Helena Villar Janeiro, escritora nacida en Becerreá hai 79 anos e residente en Rianxo, presentase como unha docente cunha longa traxectoria profesional, poeta, narradora, articulista e actualmente unha persoa moi activa en redes sociais coa publicación de fotopoemas. "Nas redes quero seguir sendo pedagoga", afirmaba este mediodía indicando que ela converteuse en escritora de literatura infantil por necesidade porque ela quería ser cantante. Foi grazas aos seus dous nenos como comezou a compoñer cancións en colaboración co pianista Abe Rábade e realizando pezas literarias infantís en lingua galega. A súa filla é a poeta María do Cebreiro.
A autora avanza que ten material gardado para vindeiras obras despois de ter publicado 'Amor por catro'. "Esta elección ven como un ramo inmenso para conmemorar esta obra", indicaba Helena Villar.
Pola súa banda, Kiko da Silva, autor e ilustrador vigués naceu no 79. "Somos dous do 79" chanceou o debuxante facendo referencia á idade de Villar Janeiro. Da Silva foi o creador de Orbil, mascota desde os inicios do Salón do Libro de Pontevedra. O director e fundador da escola de debuxantes 'O Garaxe Hermético' e impulsor de revistas de banda deseñada en Galicia como 'Retranca', 'B de Banda' ou 'A Viñeta de Schrödinger' e creador de personaxes infantís tan coñecidos como Fiz.
"Teño todo aínda por facer", afirmaba Da Silva que se amosaba moi orgulloso de ser o primeiro homenaxeado por traballos ilustrativos no Salón. O creador reivindicou a figura do autor sinalando que non hai un trebello de realidade virtual que sexa quen de crear libros, pero ao mesmo tempo lembrou que "somos os peor pagados".
Explicaba que dun libro que custa 15 euros, o autor só recibe un 0,75 euros. "É unha ruina. Ou conseguimos que se cambie ou se non, non imos ter cultura nin novas xeracións que se ocupen dela", apuntaba o debuxante.
Lembrou tamén que a literatura infantil e xuvenil é a única táboa de salvación do galego, nunha etapa marcada pola globalización. Apuntou neste sentido que en banda deseñada se venden as publicacións en galego máis que en lingua española e puxo como exemplo o traballo 'Tam' da autora formada no Garaxe Hermético, Anémona de Río, con mil exemplares distribuídos e con demanda de novas edicións.
Tanto Kiko da Silva, como a concelleira Carmen Fouces e a escritora Helena Villar recomendaron para este Nadal agasallar literatura galega.