O Museo de Pontevedra acollerá os próximos días 17 e 18 de outubro a primeira edición de Pontevedra Literaria, un encontro cultural e artístico que, entre outros, protagonizarán os escritores Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro e Arantza Portabales.
Para a Deputación de Pontevedra, organizadora desta cita, este encontro é unha "gran oportunidade" para que as persoas convidadas compartan as súas motivacións e as súas experiencias no mundo literario, ofrecendo recomendacións para quen se queira iniciar nesta disciplina.
O goberno provincial decidiu poñer en marcha este encontro tras observar un aumento no número de solicitudes nas categorías de traballo literario breve para os Premios Provinciais á Xuventude, "o que denota un especial interese da mocidade da provincia pola creación".
O xoves 17 de outubro, o escritor pontevedrés Manel Loureiro, coñecido pola súa triloxía "Apocalipsis Z" e gañador este ano do Premio Fernández Lara coa súa última novela "Cuando la tormenta pase", ofrecerá a primeira das conferencias.
A continuación, haberá unha mesa redonda que, baixo o título "Vivir das letras", contará coa participación dos escritores Rafa Cabeleira, Arantza Portabales e Ángela Banzas.
Un concerto á guitarra do pontevedrés Xacobe Medina pechará esta primeira xornada.
Xa o venres 18, nunha xornada amenizada pola música da pianista Andrea García González, o acto central será o encontro co autor colombiano Héctor Abad Faciolince.
O escritor e xornalista, coñecido por libros como "El olvido que seremos", sobre a vida e asasinato do seu pai, Héctor Abad Gómez, falará da súa próxima novela, que se publicará en 2025 e, entre outras cousas, da súa experiencia en Ucraína, onde sufriu un atentado.
Unha mesa redonda na que se darán cita os escritores Rodrigo Cota, Alexander Vórtice e Xulio Teixeira Rodríguez completará a programación de Pontevedra Literaria.