A exposición 'A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía' afronta a súa recta final.
Dende o Museo de Pontevedra explican que "debido á forte demanda das visitas guiadas gratuítas", vanse reforzar con seis quendas nestas dúas última semanas, distribuídas entre os xoves e os sábados. Serán a partir de agora con reserva previa de praza a través dun formulario que estará dispoñible na web do Museo a partir deste martes 17 de setembro, ás 9:00 horas.
As quendas de visitas guiadas para estas dúas últimas semanas son as seguintes: xoves 19 de setembro, ás 18 e ás 19 horas; sábado 21 de setembro, ás 18 horas; xoves 26 de setembro, ás 18 e ás 19 horas; e sábado 28 de setembro, ás 12 horas.
Haberá 25 prazas dispoñibles en cada quenda. As visitas son de balde, a cargo do equipo de Educación do Museo de Pontevedra. Ademais, é posible concertar visitas para grupos noutro horario escribindo a educacion.museo@depo.gal.
Ademais das visitas guiadas, nestas dúas últimas semanas vanse desenvolver unha serie de actividades relacionadas. Este venres 20 de setembro ás 19 horas, Celso Fernández Sanmartín ofrecerá unha sesión de contacontos para público xeral no que conectará a exposición con historias de vida e relatos da tradición oral galega.
Os dous próximos sábados desenvolveranse os dos últimos obradoiros dirixidos a público familiar impartidos por Taller Abierto, dirixidos a público familiar e enfocados en axudar a entender a arte ao longo da historia como reflexo do tempo no que foi creada e de entender como nos serve para reflexionar sobre temas contemporáneos.
E o próximo xoves 25 de setembro, celebrarase un seminario con conferencias e mesas redondas ao redor dun dos temas tratados en 'A era das fábulas’: a relixiosidade popular, os exvotos e outras ofrendas'.