Gonzalo Arca presenta o 7 de febreiro en Pontevedra "Alone At The Crossroads", o seu primeiro disco

Pontevedra
27 de xaneiro 2015

Tras editar o pasado mes de decembro o seu primeiro disco en solitario, titulado Alone At The Crossroads, o músico de Vilagarcía xa ten data para presentalo na cidade. Será o próximo sábado 7 de febreiro, a partir das 22.00 horas, na Sala Karma

Gonzalo Arca, nunha das imaxes promocionais do seu primeiro disco
Gonzalo Arca, nunha das imaxes promocionais do seu primeiro disco

A escena musical emerxente de Pontevedra segue dando boas noticias. E esta vez chegan da man de Gonzalo Arca. Tras editar o pasado mes de decembro o seu primeiro disco en solitario, titulado Alone At The Crossroads, xa ten data para presentalo na cidade. Será o próximo sábado 7 de febreiro, a partir das 22.00 horas, na Sala Karma.

Tras o seu paso por bandas como Vao Permanente, The Preachers e Sugar Mountain, o músico de Vilagarcía de Arousa presenta un disco que camiña entre o rock, o soul e o country, cos sons clásicos americanos pero cun aire pop que os actualiza.

Son cancións sinceras e honestas que transmiten por momentos certa nostalxia. Un cúmulo de emocións e sentimentos encontrados que flúen en perfecta harmonía a través dunha voz moi especial.

Producido por Iago Lorenzo en Vigo e masterizado por Denis Martin no seu estudo de Londres, Alone At The Crossroad é un disco elegante, maduro, directo e moi persoal. Foi financiado a través dunha exitosa campaña de crowfunding, unha vía pola que apostan cada vez máis músicos noveis e consagrados.

Nesta actuación en Pontevedra, Gonzalo Arca estará acompañado de toda a súa banda, composta por Antonio Casado "O Avó" e Pablo Pérez ( Lisa & The Lips) ás guitarras, Seir Caneda ás teclas, Johnander ao baixo e Tom Risco á batería.

As entradas para este concerto están xa á venda, a un prezo de seis euros, en Pequeño Karma e a tenda Bullitt Store (rúa Manuel Quiroga 15, Pontevedra).