Glen Hansard porá o broche de ouro ao ciclo musical Voices

Pontevedra
10 de xullo 2019

O artista irlandés Glen Hansard actuará o venres 1 de novembro, acompañado de toda a súa banda, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Será, xunto aos de Barcelona, Bilbao e Madrid, unha das poucas actuacións que ofrecerá en España para presentar o seu último disco, This Wild Willing

Glen Hansard PontevedraViva

O exitoso ciclo Voices, que durante este ano trouxo a Pontevedra os concertos de Luisa Sobral, James Rhodes e Lila Downs, suma un novo recital para poñer un broche de ouro á súa actual edición. O artista irlandés Glen Hansard actuará o venres 1 de novembro, acompañado de toda a súa banda, no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Será, xunto aos de Barcelona, Bilbao e Madrid, unha das poucas actuacións que ofrecerá en España para presentar o seu último disco, This Wild Willing.

This Wild Willing é o cuarto álbum de estudo Glen Hansard, unha colección de cancións nas que combina a inventiva sonora da súa outra banda, The Frames, coa disciplina obtida ao longo dos anos como compositor en solitario.

Este novo traballo foi concibido integramente en París e gravado alí mesmo cun amplo grupo de músicos de distintas procedencias e de moi diversos estilos.

Gañador dun Óscar á mellor canción en 2008 pola película Once, Hansard é vocalista, compositor, guitarrista e líder da banda irlandesa The Frames e do dúo folk-rock, The Swell Season e a súa música é debedora de grandes nomes como Bob Dylan, Leonard Cohen ou Van Morrison.

As entradas para o seu concerto en Pontevedra xa están á venda, a un prezo de 20 euros, a través de Ataquilla.com.