Germán Labrador analizará o legado do colonialismo nos museos galegos nunha conferencia en Santa Clara

Pontevedra
08 de maio 2023

O director de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía pronunciará este xoves ás 20 horas a conferencia 'Galicia e os fantasmas coloniais. Unha conversa pendente sobre museos, memoria e democracia'

Germán Labrador, director de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra organiza este xoves 11 de maio ás 20 horas na igrexa do convento de Santa Clara a conferencia de Germán Labrador Méndez 'Galicia y los fantasmas coloniales. Una conversación pendiente sobre museos, memoria y democracia'.

O catedrático do Departamento de Español e Portugués da Universidade de Princeton en excedencia e actual director de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía, analizará desde a óptica galega a descolonización dos museos, un dos grandes temas de debate neste ámbito a nivel internacional.

Nos últimos anos están a emerxer na esfera pública múltiples demandas a propósito dos pasados coloniais e das súas herdanzas contemporáneas en clave de desigualdade, violencia e racismo. Toman, en cada lugar, formas e intensidades diferentes, pois tamén refiren experiencias diversas.

A recente emerxencia de novos movementos antirracistas e migrantes tivo o seu impacto tamén no contexto español, traendo ás nosas coordenadas reclamacións xa habituais en Francia, Inglaterra, Alemaña ou os Estados Unidos.

Na súa conferencia, Germán Labrador defenderá que os museos son un lugar fundamental para afrontar esta cuestión pendente, pero que no contexto galego é necesario ter en conta a particular relación co universo atlántico e coas repúblicas latinoamericanas, a partir da migración. Labrador considera que tamén hai que ter en conta os evidentes elementos endocoloniais que explican tamén a propia configuración cultural galega, tal e como se espella na arte e no patrimonio.