Gala de Cantos de Taberna: "A festa está dentro de nós"

Pontevedra
09 de novembro 2024
Actualizado: 11:05

No acto, celebrado no Teatro Principal, entregouse a Cunca Maravallada a ‘Xira de Cedeira’ e a José Rodríguez Arribe, "Jose de Vigo", por ser o lider da Baixada da Xira durante catro décadas

VI Gala de Cantos de Taberna, de Maravallada Mónica Patxot

O Teatro Principal de Pontevedra acolleu a VI Gala de Cantos de Taberna, organizada pola Asociación Cultural Maravallada en colaboración co Concello de Pontevedra.

O evento reuniu a amantes da música popular galega e serviu para homenaxear a aqueles que contribúen á súa difusión, especialmente nas tabernas.

A gala foi conducida polo lalinense Celso F. Sanmartín, coñecido poeta e contador, que co seu estilo único soubo conectar co público.

A música correu a cargo do grupo Os Perucos de Rianxo.

O evento contou coa tradicional entrega da Cunca Maravallada, un galardón que este ano recoñeceu a ‘Xira de Cedeira’, unha das festas máis emblemáticas da vila de Cedeira, vinculada á Romaría de San Antón de Corveiro.

Tamén se recoñecía a José Rodríguez Arribe, coñecido como “Jose de Vigo”, por levar 40 anos liderando a Baixada da Xira, un momento de irmandade, onde a veciñanza canta no camiño de volta desde a Ermida cara a Cedeira.

A Cunca Maravallada, creada coa colaboración do CIFP de Cantería de Galicia, foi deseñada pola alumna Elena Díaz Liljestrom. A Asociación Maravallada asinou un convenio co centro que se atopa na Caeira para os deseños das vindeiras edicións.

Durante a gala, Celso F. Sanmartín compartiu anécdotas sobre a súa relación coa música popular, lembrando como o seu avó animaba festas enteiras en Lalín coa única peza que sabía tocada na gaita, resaltando que "a festa está dentro de nós".

A festa concluía, como non podía ser doutro xeito, cantando polas rúas do centro da cidade.