Furious Monkey House, ao festival PortAmérica

Pontevedra
01 de abril 2016

A meteórica carreira dos pontevedreses Furious Monkey House alcanzou un novo fito. Formarán parte da nova edición do festival PortAmérica, un dos eventos musicais de maior relevancia de noroeste peninsular. Ata Porto do Molle (Nigrán) desprazaranse os seus integrantes, acompañados do seu inseparable mono furioso, o sábado 16 de xullo

Furious Monkey House

A meteórica carreira dos pontevedreses Furious Monkey House alcanzou un novo fito. Formarán parte da nova edición do festival PortAmérica, un dos eventos musicais de maior relevancia de noroeste peninsular. Ata Porto do Molle (Nigrán) desprazaranse os seus integrantes, acompañados do seu inseparable mono furioso, o sábado 16 de xullo.

Compartirán escenario con bandas e artistas da talla de Bunbury, Love of Lesbian, The Undertones, León Benavente, Talisco, Myles Sanko, Leiden, Retrovisor e Elyella DJs.

Alí presentarán os temas do seu primeiro disco, Run, gravado nos míticos estudos de Abbey Road (Londres).

Será unha cita importante para Mariña, Carlota, Amaya, Irene e Manu que mostrarán aos festivaleiros o seu talento para a música, influenciada directamente polas bandas de rock dos anos 90.

O cartel desta nova edición do festival PortAmérica complétase coa actuación o venres 15 de xullo de Molotov, Amaral, FM Belfast, Izal, ortec Collective presents: Bostich and Fussible, Pony Bravo, Son Galo Negro, Amaro Ferreiro e Eme DJ.

Ademais, o cociñeiro pontevedrés Pepe Solla volverá poñerse á fronte da iniciativa gastronómica do festival, o ShowRocking, no que participará un nutrido grupo de chefs con ampla representación galega e recoñecido prestixio.

Os abonos están á venda a un prezo de 46 euros máis gastos de xestión, a través de Clicentradas.es, Ataquilla.com e Ticketea.com. As entradas soltas custan 26 euros máis gastos cada día e o abono con dereito a acampada vale 66 euros máis gastos.