Formato renovado e ampliado para un FICBUEU que exhibirá un centenar de curtametraxes

Bueu
01 de setembro 2022

O certame, integrado na marca Rías Baixas Film Fest, estreará este ano nova imaxe e unha nova estrutura para poder dar cabida ao incremento de filmes participantes, segundo explicaron este xoves os seus organizadores durante a presentación do festival

Presentación do FICBUEU 2022 Deputación de Pontevedra

Máis dun centenar de curtametraxes integran a programación da décimo quinta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), que se celebrará neste municipio pontevedrés entre os días 11 e 24 de outubro.

O certame, integrado na marca Rías Baixas Film Fest, estreará este ano nova imaxe e unha nova estrutura para poder dar cabida ao incremento de filmes participantes, segundo explicaron este xoves os seus organizadores durante a presentación do festival.

As curtametraxes seleccionadas dividiranse en ata cinco apartados, entre eles a sección oficial, composta de 23 filmes chegados de Paquistán, Reino Unido, Chile, Nixeria, Canadá, Bélxica, Suíza, Cambodia, Portugal, Francia, Países Baixos, Brasil, Rumania, Kosovo, Serbia, Grecia, Singapura, China ou Estados Unidos.

A eles sumaranse cinco pezas nacionais que se exhibirán na sección España, dirixidas por Júlia de Paz, Mikel Gurrea, Salvador Sunyer, Andrea Herrera e Luís E. Pares; ou as catro do programa de Galicia R, ambas tamén competitivas, con proxectos de Lois Patiño, Eloy Domínguez, Ángel Santos e Lucía Estévez.

A programación complétase coas oito proxeccións da sección 'Descubertas', reservada para proxectos máis experimentais; ou a retrospectiva, que este ano estará dedicada aos anos 50 con curtas dirixidas por Carlos Saura, Manuel Summers, José Luis Borau e Julio Diamante.

O seu director, Manuel Pena, destacou a importancia que supón, tras dous anos de pandemia, recuperar o aforo completo nas proxeccións, coincidindo co aumento do festival a dúas semanas "para dar espazo e tempo" a todas as súas actividades.

"Buscamos un maior goce por parte do público cunha menor carga diaria, sen que iso repercuta na programación", segundo detallou Pena.

O FICBUEU 2022 estruturarase en tres bloques, reservando a súa primeira semana á proxección das curtametraxes e a segunda á celebración do MiniFIC, con sesións para familias e escolares, e das súas primeiras xornadas cinematográficas.

Estas últimas, indicou o director do festival "non estarán orientadas ás curtametraxes senón ao cinema en xeral", buscando ofrecer un espazo de análise e reflexión sobre a sétima arte con proxeccións, clases maxistrais, mesas redondas ou un encontro co director Oliver Laxe.

Esta nova edición do FICBUEU outorgará o Premio Cinema Gallego ao actor Miguel de Lira e contará  con numerosas paralelas como coloquios, un mercado ou un concerto da banda Tulsa.

Na súa intervención durante a presentación do festival, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que "poucos festivais de cinema teñen unha programación tan longa e de tanta calidade", ofrecendo pezas que "doutra forma non chegarían ao público".

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, engadiu que este evento "é un deses proxectos que nos permite compartir e vivir unha experiencia para gozar", mentres que o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, subliñou que "figura por méritos propios" entre os principais festivais cinematográficos de Galicia.