Formato exclusivamente telemático para a Xornada de Onomástica da Real Academia Galega

Pontevedra
06 de novembro 2020

No encontro, que será este sábado, analizaranse os nomes comerciais e o valor do idioma galego, un campo moi pouco estudado ata o de agora. A deputada de Lingua María Ortega participará na inauguración xunto ao presidente da RAG Víctor F. Freixanes e á académica coordinadora do programa Ana Boullón

Víctor Freixanes, presidenta da Real Academia Galega Mónica Patxot

O sábado 7 desenvolverase a 'V Xornada de Onomástica Galega', que organiza a Real Academia  Galega (RAG). Nesta ocasión analizaranse os nomes comerciais e o valor que outorgan á lingua galega. 

Debido á situación provocada pola covid-19, o formato escollido para esta ocasión será exclusivamente telemático, eliminando a asistencia presencial ao Museo de Pontevedra. Inaugurarase pola deputada de Lingua, María Ortega, coa presenza de Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, e da académica coordinadora do programa Ana Boullón.

A canle de Youtube da RAG retransmitirá a xornada en directo. Durante a sesión analizaranse as denominacións comerciais dos viños do Ribeiro, os nomes de bares e restaurantes do barrio vigués de Coia ou os de establecementos de Redondela. Temas moi pouco explorados historicamente, segundo a organización.

Participará nesta edición, entre outros, o coordinador do seminario de Onomástica da Academia, Antón Santamarina, que ofrecerá unha análise sobre as marcas comerciais desde unha perspectiva filolóxica. Tamén o profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado expoñerá a relación entre as marcas, as empresas e os dominios na internet. Tras eles, a profesora Sara Míguez tratará os resultados dun traballo de campo centrado na  rotulación de locais dedicados a diversos negocios no  Concello de Redondela.

Víctor F. Freixanes ofrecerá un percorrido pola historia das cabeceiras dos xornais galegos e seguirá coa intervención de Raquel Rodríguez sobre os viños do Ribeiro.

As intervencións continuarán durante a tarde finalizando cunha mesa redonda na que participarán Elena Ferro, Xosé González Martínez, Irene García e Raquel Boo. O evento conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Museo.