Os cadros de Van Gogh cobran vida en Pontevedra cun espectáculo que fusiona arte, música, teatro e novas tecnoloxías

Pontevedra
04 de decembro 2024
Actualizado: 11:26

"Forever Van Gogh" estréase en Afundación de Pontevedra os días 6, 7 e 8 de decembro. É un espectáculo no que o teatro cobra vida converténdose nun lenzo grazas á intelixencia artificial

Forever van Gogh beon. Entertainmen

A produtora beon. Entertainment presenta en Afundación a obra Forever Van Gogh.

Trátase dun espectáculo sobre a vida e obra do recoñecido pintor a través dos seus cadros que, tras permanecer toda a tempada en Madrid con gran éxito da crítica, poderá verse en Pontevedra os días 6,7 e 8 de decembro.

Neste proxecto a arte, a música, o teatro e as novas tecnoloxías fusiónanse para ofrecer ao público unha experiencia única que rompe as fronteiras entre o artista e o espectador.

Un espectáculo no que o teatro cobra vida converténdose nun lenzo grazas ao uso da intelixencia artificial, que permite que o público entre a formar parte dos seus cadros máis icónicos.

Forever Van Gogh está escrito e dirixido por Ignasi Vidal e conta a historia real dunha vida chea de frustracións que se mostra grazas a un legado de máis de 700 cartas que se enviaron entre Vincent e o seu irmán Theo.

Conta coa composición musical do violinista de orixe libanesa Ara Malikian e coa coreografía de Chevi Muraday, bailarín e coreógrafo formado en varios países e director dunha das compañías contemporáneas máis coñecida do país.

Alessio Meloni é o escenógrafo e Pier Paolo Álvaro dirixe o vestiario, ambos os galardoados na edición 2023 dos Premios Max.

Un total de 13 actores conforman o elenco que está encabezado polos protagonistas Cisco Lara, que dá vida a Vincent Van Gogh, e Felipe Ansola, na pel do seu irmán, Theo Van Gogh.

Completan o cadro: Gema Álvaro, Nico Baumgartner, Vicky Condomí, Álvaro Copado, Joaquín Fernández, Javier Arroyo ‘Jota’, Andoni Larrabeiti, Inés Valderas, Noelia Venza e Alba Yuste. Todos eles acompañados en escena polo director musical e violinista Simón García.

Usando de base os cadros de Van Gogh conseguiuse ampliar as súas obras para adaptalas a unha distribución panorámica co uso das últimas tecnoloxías en intelixencia artificial, talles como Midjourney, Adobe Firefly ou Stable Diffusion.

Isto permitiu ademais xerar imaxes novas e converter fotografías en pinturas co obxectivo de conseguir no teatro un ambiente único e emocionante, inspirado na arte do xenio.