Florencio Delgado Gurriarán, exemplo da loita polo país e a lingua galega

Pontevedra
13 de maio 2022

O Pazo Provincial de Pontevedra acolleu este xoves o acto central de homenaxe das Letras Galegas 2022 achegándose á figura do autor dende a música, a banda deseñada, a investigación, a crítica literaria e a tradución  

O Pazo Provincial de Pontevedra acolleu o acto central de homenaxe das Letras Galegas 2022 Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra, a través da deputada de Lingua e Memoria María Ortega, reivindicou a Florencio Delgado Gurriarán como exemplo da loita polo país e a lingua e “semente de novos proxectos para facer agromar a Galiza infinda que tan ben contou”.

Esta posta en valor do autor realizouse no acto central das Letras Galegas 2022 da institución provincial en Pontevedra, onde se abordou a súa figura dende a música, a banda deseñada, a investigación, a crítica literaria e a tradución da man da cantautora Sheila Patricia, o ilustrador Kiko da Silva, o biógrafo Ricardo Gurriarán, o profesor Miro Villar, e a escritora e tradutora Tamara Andrés

A homenaxe ao autor do Córgomo comezou coas palabras da deputada de Memoria e Lingua María Ortega, quen sinalou que Florencio Delgado Gurriarán representa á perfección a loita polo país que levou a cabo a súa xeración.

Neste sentido, explicou que a Deputación puxo en marcha varios traballos, entre eles a edición dunha banda deseñada sobre Delgado Gurriarán destinada á xente moza a cargo de ‘O Garaxe Hermético’ e doutro libro de Polo Correo do Vento para as crianzas, que se une a espectáculos que irán a 35 concellos da provincia, á adquisición de libros do autor para repartir entre bibliotecas municipais e centros de ensino, así como á celebración de actos.

Sheila Patricia foi a encargada de achegar a visión musical sobre Delgado Gurriarán. Kiko da Silva foi o responsable de poñer en valor o traballo da banda deseñada elaborada por encarga da Deputación dende O Garaxe Hermético.

A parte máis intelectual da xornada agromou na mesa redonda conducida pola xornalista Silvana Moril, coa presencia do biógrafo de Delgado Gurriarán, Ricardo Gurriarán, do escritor e profesor de Lingua e Literatura Miro Villar e da escritora, investigadora e tradutora Tamara Andrés. 

Arquivado en