Fin de festival co día máis 'Surfing' na Illa das Esculturas

Pontevedra
25 de xuño 2022

A décima edición do festival Surfing the Lérez chegou este sábado ao seu fin nunha xornada na que a meteoroloxía acompañou dando protagonismo ao público máis familiar

Terceira e última xornada do Surfing the Lérez 2022 Cristina Saiz

Á terceira e última xornada, chegou o Surfing the Lérez máis 'surfing'.

Despois de dous divertidos días de concertos sorteando a choiva, o popular festival pontevedrés aproveitou este sábado a tregua meteorolóxica para reivindicar a súa esencia, chegando ao público máis familiar cunha romaría de diversión ao aire libre na súa privilexiada contorna, a Illa das Esculturas.

A actividade comezou xa ás 12.00 da mañá no escenario 'Bonobo', onde durante case oito horas desfilou o alumnado do centro demostrando os seus coñecementos musicais.

Pouco despois Copa Turbo inauguraba o escenario principal, polo que tamén pasarían Boyanka Kostova, Beti da Church (en substitución de Carlota Crey), Queco Lago, Elephants and Paw, Grande Amore e Terbutalina; complementados cun segundo escenario que comezou cunha animada sesión vermú con Playa Desmayo e Familia Caamagno para seguir con Kings of the beach, Berto, Cora Velasco e The Rapants.

Todo iso sen esquecer a programación infantil que achegaban 'Plant your future', 'Xogos paporrubio' e 'A Illa sen tesouro'.

De todo tivo o décimo aniversario do Surfing the Lérez, incluída unha proposición de matrimonio durante o concerto de Boyanka Kostova. O protagonista, logrou o si da súa parella, foi curiosamente un dos fillos do alcalde, Nacho Fernández. Felicidades para eles!