Filgueira Valverde salta á rede

Pontevedra
03 de febreiro 2015

A extensa correspondencia de Xosé Filgueira Valverde, xunto con outros documentos, serán dixitalizados polo Consello da Cultura Galega en virtude dun acordo de colaboración asinado este martes polo presidente desta institución, Ramón Villares, e Fernando Filgueira Iglesias, fillo e presidente da Fundación Filgueira Valverde

Fondos documentais de Filgueira Valverde serán dixitalizados polo Consello da Cultura Galega

Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996) mantivo unha extensa correspondencia con Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco e a maior parte da intelectualidade galega do século XX. As máis de 500 carpetas con cartas que repousan no Museo de Pontevedra son unha mostra desa fecunda relación.

Todas elas, xunto con outros documentos, serán dixitalizadas polo Consello da Cultura Galega en virtude dun acordo de colaboración asinado este martes polo presidente desta institución, Ramón Villares, e Fernando Filgueira Iglesias, fillo e presidente da Fundación Filgueira Valverde, ante a presenza de Ana Isabel Vázquez, deputada da Área de Cultura da Deputación de Pontevedra e Carlos Valle, director do museo.

"Filgueira Valverde deixou cartas, notas e papeis que van alén da súa propia biografía", apuntou Ramón Villares trala sinatura do acordo que lle permitirá ao Consello da Cultura Galega dixitalizar todos eses fondos.

O acordo foi asinado no que foi, durante anos, o despacho de Filgueira Valverde e no que aínda se conserva a que foi a súa mesa de traballo.

O material a dixitalizar comprende dous tipos de documentos. Dunha banda consiste no seu epistolario, nomeadamente as cartas con correspondentes de relevancia para a historia a cultura de Galicia como son Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Fernández del Riego, Álvaro Gil Varela, Iglesia Alvariño, Prudencio Landín Carrasco, Florentino López Cuevillas, Antón Losada Diéguez, Ramón Martínez López, Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío (a correspondencia destes dous últimos persoeiros xa se pode consultar desde o web do Consello da Cultura Galega), entre outros.

Por outra, os traballos de dixitalización tamén comprenden os papeis e notas persoais que documentan a súa relación con diferentes institucións culturais galegas, como son o Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Padre Sarmiento e o Consello da Cultura Galega así como material relacionado co Estatuto de Galicia e o seu labor no Partido Galeguista en Pontevedra. O número total de documentos, entre cartas e outros materiais, rolda os 20.000.

"A gran vantaxe do fondo de Filgueira Valverde é que foi unha persoa que estivo moi activa durante moito tempo, que era moi ordenado e que conservou todo, desde as notas dos instituto, ata os recibos médicos" apuntaba Ramón Villares na descrición dos materiais que se dixitalizarán e poñerán ao público ⿿á maior brevidade posible⿝.

REEDICIÿN DE "OS NENOS"

Este martes tamén se asinou o contrato de cesión de dereitos para a reedición de Os nenos, obra escrita por Filgueira Valverde e publicada en 1926 con ilustracións de Luís Pintos e letra de Castelao.

"Trátase dunha edición facismilar con traballos de contextualización literaria e artística no que o Consello pon este ano un énfase especial" apuntou Ramón Villares ao explicar que foi Filgueira Valverde quen deseñou esta colección de libros facsimilares que o CCG edita cada ano en relación co homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Será dunha edición non lucrativa, de exemplares numerados, que estará dispoñible nos vindeiros meses.

Arquivado en