Os Premios Feroz 2025, que se entregarán o próximo 25 de xaneiro en Pontevedra, anunciaron este xoves ao dez títulos que competirán polos Premios Feroz Arrebato de ficción e de non ficción.
Ao Premio Feroz Arrebato de ficción optarán En la alcoba del sultán, de Javier Rebollo; On the Go, de Julia de Castro e María Gisele Royo; Polvo serán, de Carlos Marques-Marcet; Por donde pasa el silencio, de Sandra Romero; e Un sol radiant, de Mònica Cambra Domínguez e Ariadna Fortuny Cardona.
Caja de resistencia, de Concha Barquero Artés e Alejandro Alvarado Jódar; La hojarasca, de Macu Machin; Saturno, de Daniel Tornero; The Human Hibernation, de Anna Cornudella Castro; e Zinzindurrunkarratz, de Oskar Alegri; pola súa banda, son os nomeados ao Premio Feroz Arrebato de non ficción.
Estas dúas categorías especiais, segundo a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), organizadora destes premios buscan recoñecer aquelas obras con especiais logros artísticos e achegas innovadoras nos seus respectivos campos.
O nome destes dous premios rende homenaxe á longametraxe Arrebato de Iván Zulueta, unha obra de 1979, vangardista e arriscada, que chegou a ser icónica na historia do cine español, destacan os responsables da AICE.
A selección de candidatos e de nomeados de ambas as categorías realizouna directamente o comité organizador dos Premios Feroz 2025.
Os gañadores ou gañadoras anunciaranse, xunto ao resto de galardoados, durante a gala que se celebrará o vindeiro sábado 25 de xaneiro en Pontevedra.
En total, entregaranse 21 estatuíñas, once de cine, sete de series, os dous Premios Feroz Arrebato e o Premio Feroz Audi de Honra, que este ano recibirá o cineasta Jaime Chávarri.